Opinión

Do Lute a Puigdemont

Nos anos sesenta foi moi coñecido o caso de Eleuterio Sánchez, O Lute, un xitano merchero que de moi novo participou en pequenos roubos e máis tarde no atraco a unha xoiaría de Madrid, no que morreu un vixiante. Foi detido e condenado a longas penas de prisión, pero fíxose famoso por unha das súas fugas. Guindouse dun tren en marcha. Nunha época na que apenas había televisores, o caso aparecía constantemente na radio e na prensa. O Lute converteuse no inimigo público número un. 

Lembro que, sendo eu un neno que vivía a máis de mil quilómetros do lugar onde el presuntamente se encontraba, pensaba ás veces en que se me podía aparecer de repente, talvez emerxendo por sorpresa desde algún dos campos de centeo que me rodeaban. 

Posteriormente, o Lute fíxose avogado e escribiu varios libros. En 1981 recibiu un indulto e converteuse no símbolo de como o franquismo perseguía os pequenos delincuentes pobres.

A figura de Puigdemont é por suposto moi distinta. Pero ocorréuseme estes días comparar os dous casos ao ver como se estendía, aínda máis, a febre persecutoria de alguén acusado de crimes moi discutíbeis. Os medios de comunicación, como unha soa voz, propagan de novo a imaxe do inimigo número un. Pero non se poden obviar as pegas que contén esta acusación. En primeiro lugar, o seu maior delito é poñer urnas para votar, o que, nunha democracia, pode ser máis ou menos legal, pero non desde logo un crime. Por outra parte, aprobouse unha lei de amnistía que debería incluír os seus delitos, pero que os xuíces ostentosamente desobedecen. Desde cando o poder xudicial ten a capacidade de discutir ou ignorar as leis que aproba o lexislativo? Non é iso moito máis grave para o sistema político que a fuga, máis ou menos rocambolesca, de Puigdemont? E, por último, é obriga mencionar ese outro fugado, o rei emérito, que, a pesar dos seus delitos comprobados, entra e sae do país, coa indiferenza das autoridades, tanto xudiciais como gobernativas. E, por certo, tamén coa complicidade dos medios de comunicación que miran ostensibelmente para outro lado.
Certamente, Puigdemont e o Lute son moi diferentes. Pero, cando paseo pola rúa e escoito a maneira de expresarse da xente sobre o líder catalán, lembro a psicose que había no franquismo e a imaxe, en boa medida ficticia e demoníaca, que recaeu sobre ambos personaxes. 

Hoxe, no Estado español, aínda que non en Cataluña e no País Vasco e algo menos en Galiza, estamos vendo, a través deste caso e dalgúns outros, como se estende, até correr o risco de enquistarse, un perigoso clima de corrupción moral e de fanatismo, en boa medida apoiado na ignorancia e na falta de contraste dos feitos.

Pódese argumentar que o caso do Lute tivo lugar baixo unha ditadura. Pero hai que lembrar que daquela, salvo unha minoría moi sucinta, case ninguén se expresaba neses termos. A maioría cría vivir nunha situación normal, como a dos peixes do chiste que non saben o que é a auga. O trato a Puigdemont tamén traerá consecuencias.
 

Comentarios