Opinión

Dúbidas no PP

As pasadas eleccións autonómicas supuxeron un grande alivio para o PP. Aínda que boa parte das enquisas o daban xa como gañador, interiormente non as tiña todas consigo. A maioría absoluta foi interpretada, cando menos durante as primeiras semanas, como unha nova carta branca. Pero xa non parece ser así.

Transcorridos catro meses, comeza a imporse a realidade de que agora conta na oposición cunha forza resolutiva e disposta a ofrecer alternativas concretas. O BNG reuniu 31,5% dos votos. En ningún sistema electoral é esta unha cantidade desprezábel. A táctica do engano permanente, que mantén ocupadas a maioría das forzas gobernamentais, pode non ser abondo cando a oposición resulta agora tan nítida. Vivimos tempos de cambio e cada realidade obedece á súa propia dinámica. Algúns no PP galego parecen estar a descubrilo.

Vexamos algúns exemplos. O PP criticou o BNG na campaña galega por agachar o independentismo, tras a súa definición de nacionalista. Despois, nas europeas, volve criticalo, pero esta vez polo contrario, por ir en coalición, o que apuntaría a unha vía máis federalista.

Noutros temas concretos, a dirección popular está a dar mostras de que dentro da súa executiva hai dúbidas. Primeiro ofrece diálogo sobre política lingüística, despois apoia levar a Madrid a proposta de transferencia da AP-9. O pasado 22 de maio, Rueda ratificaba, ante o Goberno portugués, a prioridade da alta velocidade Lisboa-Porto-Vigo e, hai poucos días, líamos en La Voz de Galicia, que a Xunta "reclama a súa propia singularidade no novo financiamento autonómico".

É difícil non ver en todo isto, a necesidade de tomar postura fronte aos eixos principais dunha oposición máis uniforme e consolidada.

Chegados aquí, pódese argumentar facilmente que todas estas afirmacións do PP son demasiado "tímidas" e probabelmente para a galería. Sen dúbida, pero están aí, na liña de gobernos autonómicos anteriores, e moito menos na dinámica centralizadora que se expande desde a comunidade de Madrid.
En sentido diferente sitúase a proposta de Altri, un probábel intento de financiar o partido. Pero tamén isto pode estar suscitando arestora dúbidas na dirección popular. A propia empresa ten dado sinais de que non se vai implantar, se non ten financiamento público e se encontra demasiadas críticas. En Portugal xa repregara posicións ante outro dos seus proxectos. 

Moitas dúbidas para un PP galego que viña sentindo o seu programa esgotado, cunha base electoral avellentada e coa presión crecente da ultradereita. As rendas dos pisos turísticos ou non turísticos, aforro de xeracións anteriores, parecen insuficientes para soster unha maioría, sobre todo tendo en conta que outros sectores, anteriormente vitais, non funcionan: a construción xera 56.000 empregos menos que antes da crise do 2008. Isto explica tamén que se aposte, con máis interese, pola privatización da sanidade e da educación, como ramos lucrativos.  
Demasiada incerteza. E co BNG que segue subindo nas enquisas.

Comentarios