Opinión

Farruco Sesto, a pintura que fala de política sen pretendelo

As pinturas da última época de Farruco Sesto estiveron presentes este mes de maio na EMAO de Vigo, escola da que el mesmo fora estudante. "Arte por amor á arte" é o lema. Unha exposición pequena, dentro da traxectoria de Sesto Novás, pero que nos di moito, neste momento. As cores, traídas do mar Caribe, alegran a mirada. Tamén en Menchu Lamas, que viviu de mociña en Venezuela, encontráramos esa intensidade tonal. A perfecta composición dos cadros lémbranos, por outra parte, que o pintor é ademais arquitecto, autor do vangardista mausoleo de Bolívar, en Caracas.

A sección "Coa cabeza noutra parte" recolle debuxos feitos de modo case inconsciente, mentres o autor asiste a unha reunión ou a unha conferencia, e as obras dixitais que imos observando nunha pantalla, sorprenden pola súa fantasía. Unha cascada de ideas que nos arroia e que contrasta con boa parte da pintura que vemos por aquí, autores que dominan a técnica, pero que mostran unha notábel falta de bagaxe e de creatividade. A arte, na época do neoliberalismo, desde os modestos ilustradores de libros aos artistas dos grandes museos, móstrase provocadora ou tópica, ás veces ambas cousas á vez, pero en poucas ocasións é capaz de abrirse ás múltiples perspectivas da vida. A maioría da arte que nos rodea é a da "fin da historia", a do "no future".

A última sección inclúe vellos carteis destinados, con gran modestia de medios, a anunciar un acto ou unha marcha política. Arte do momento. Que encontramos de meritorio nela, cando xa pasou a ocasión? Os sinais abertos, a incitación a mobilizarse e a pensar. Algo dese mundo tamén existiu aquí entre os últimos anos de Franco e o 23-F. Despois, a esquerda volveuse tautolóxica, con medo a molestar ou a non ser entendida.

Nestes cadros asoma sempre unha visión xenuína. A creación que sirve como laboratorio do que un individuo ou unha sociedade poden chegar a ser. Unha arte sempre en renovación, sempre atenta.

O que nos di Farruco Sesto, poeta, ademais de pintor, nacido en Galiza e activista de esquerdas en Venezuela, onde chegou a ser varias veces ministro, con Chávez e Maduro, é que a arte debe imaxinar todas as posibilidades que ten ante si o estudante, a xente que vive nos barrios ou simplemente aquel que está en soidade, mirando pola fiestra.

Hai aquí moito tamén da paisaxe galega, influencia dos últimos anos, interpretada no seu barroquismo e plenitude vexetal. Galiza non é fácil de pintar, pero el sabe facelo desde varias ópticas, unidas pola cor e a vitalidade do país que lle deu acollida. E hai tamén case sempre unha ironía sutil, marca do autor.

A clausura coincide coa chegada de Milei a Madrid. A expresión de Milei, epítome do capitalismo tardío, representa o contrario, un mundo literalmente descabezado, dedicado ao improperio e rexido por unha idea unidimensional da existencia.

Comentarios