Opinión

A guerra é o verdadeiro problema

Celebradas as eleccións europeas, a moeda segue no aire. Haberá que agardar uns meses, quizais un ano ou dous. Europa aínda é atractiva polo seu Estado de benestar, que en boa medida se mantén, pero xa non é referencia nin modelo político para a maioría do resto do mundo.

Hoxe pálpase o terreo, escanéase a poboación. As pasadas eleccións foron un episodio máis desta operación de tenteo. O directorio comunitario non está seguro do apoio da cidadanía á guerra, a un gran e custoso operativo do que nunca se pode saber o final. Unha poboación avellentada e abrandada polo consumo non parece doadamente militarizábel. 

A primeira idea é introducir medo. A rusofobia parece o camiño máis fácil, toda vez que se trata dun ideoloxema histórico. Pero o descontento real vén doutra parte: a inflación que fai perder valor aos salarios. Non miren a lúa, din, miren o dedo, miren a Putin. Pero, da república de Weimar a Milei, na inflación está a clave.

E a guerra debe ser vestida cun relato. A moeda que segue no aire. Pode caer de cara, máis neoliberalismo, ou de cruz, extrema dereita. Estamos en período de probas: que funcionará mellor? Alvise é un prototipo máis. Nada se perde por probalo.
Os príncipes da economía, os CEO, os directores executivos, seguen tenteando: probas, sondaxes, a ver como vai en Arxentina. Europa é distinta, até agora vivíase ben. En Madrid boa parte dos grandes empresarios recibiron a Milei, pero despois fixeron como que dubidaban. O insulto aínda non é aplaudido por unha parte da burguesía que sempre quixo distinguirse do vulgo polas súas boas maneiras. (Las buenas maneras, escribiu Blanco Amor). 

Nota histórica: Hitler era considerado un bruto e un ignorante, pero ao final foi apoiado pola Krupp e a Porsche. Un fillo de cada familia da burguesía alemá vestiu o uniforme de Hugo Boss, uns uniformes aos que aínda non se resiste ningún cineasta. Coma nos vellos tempos do absolutismo, cando os príncipes se presentaban sempre de traxe militar. En España non custaría moito, porque boa parte das grandes fortunas non se fixeron traballando nin inventando nada, bastaba con recordar os méritos familiares na longa matanza do 36.

Dixo o Gran Wyoming que "a xente non lles importa nada. O único que non soportan son as bromas, porque eles mesmos se ven parte dunha elite especial". A propia idea central de democracia pasa por días maos. Que traxe hai que poñer? Fascismo ou neoliberalismo? Tal vez unha mestura de ambos. A censura indirecta do algoritmo, a lei mordaza máis intensa, o fentanilo nas rúas, un ayusismo xeneralizado que deixa morrer os pacientes. E unha liberdade de expresión soft, inocua, que incentive debates sen sentido en programas populistas.

Que virá salvarnos desta vez? Unha nova batalla de Stalingrado, o xiro decisivo da guerra? Coñecendo a historia, sería bo anticiparse. A identidade das forzas progresistas distínguese hoxe polo seu apoio á paz, pola crítica do xenocidio e pola negativa a enviar armas a ningún contendente.

Comentarios