Opinión

A Terra Chá é Galicia

Se Ayuso fose a alcaldesa dun teórico macroconcello da Terra Chá, utilizaría seguramente un lema así: “a Terra Chá é Galicia”. Esgrimiría razóns coma estas: boa parte dos mil ríos do país transcorren pola Terra Chá, rexión de chans agrarios e pasteiros; o seu territorio garda sinais dun glorioso pasado medieval e da prosperidade da fidalguía nos séculos posteriores; tamén das obras daqueles que mandaron cartos dende América para construír escolas; resulta abondosa a presenza de gando bovino tanto para a produción láctea como cárnica; en convivencia cos pastos, as árbores dominan a paisaxe con prioridade para carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros, salgueiros e tamén piñeiros. 

É Galicia outrosí, e con abrupta intensidade, no consonte ó devalo demográfico. Tomei datos do INE dos nove concellos que forman a bisbarra da Terra Chá de acordo ao mapa de comarcas da Xunta. Estes municipios son Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. Segundo o censo de 2001, neles residían daquela 48.801 persoas. No censo 2022, esa poboación descendera ata os 39.047 habitantes. En vinte anos, a bisbarra perdeu un quinto da súa poboación.

Pasei os catro días da Semana Santa pola Terra Chá. Tiven ocasión de falar cuns cantos chairegos, entre os que a conversa co empresario Manuel Lozano causoume un desacougo especial. Home inquedo e sensible aos problemas do país, posúe explotacións agrícolas, empresa de madeira enfocada ao mercado exterior e negocio de hostalaría. A súa principal preocupación reside na falta de persoas dispoñibles. Calcula que podería triplicar a estrutura e produción se encontrase a xente que necesita. A última colleita puido facela grazas a colaboración de once homes de orixe hondureño que chegaran á bisbarra para recoller os amorodos que ten plantados a empresa onubense Surexport. E conclúe Manuel: o eucalipto paréceme malísimo pero é a única alternativa que queda.

A sentencia funesta de Manuel Lozano aínda retumba na miña mente. Conta que hai anos non se vía un so eucalipto pola contorna. Encolle a alma comprobar como vai avanzando tamén na Terra Chá, nalgúns concellos coma Castro de Rei ou Guitiriz cunha avidez singular. Plantaríase primeiro en pequenas fincas sen uso; despois viría a substitución de terras agrarias; talaríanse entón algúns exemplares de bosque autóctono; o proceso empezaría a callar e sumaríanse novos propietarios, cada vez máis. Ocorreu na Galicia litoral; está a pasar na Terra Chá.

O eucalipto supón a rendición, a renuncia a deseñar e poñer en marcha políticas de desenvolvemento local como as que existen no medio rural de calquera país da Unión Europea. Ningún outro asumiu a ruína do eucalipto, esa especie que deturpa a paisaxe, acaba coa biodiversidade, estraga os solos e esgota os acuíferos. O 28 de Maio renóvanse os gobernos municipais e provinciais. A elección na Terra Chá –e en Galicia enteira– dáse entre xestionar a decadencia ou tentar a transformación e o desenvolvemento. Ante a falta de interese e acerto da Xunta, o labor dos novos Concellos revélase esencial para o cambio de ciclo no rural galego.

Terra Chá é a bisbarra de maior extensión de Galicia e presenta diferencias consonte ao chamado “valor natural”. En conxunto, non é das comarcas galegas cun maior potencial produtivo pero tanto a súa meteoroloxía como as condicións do solo facilitarían a posta en marcha de proxectos perfectamente viables en (expoño a modo de exemplo):

  • Cereais coma o millo, a cebada e o trigo, que ademais dun elevado potencial produtivo,  supoñen unha boa opción para a rotación de cultivos con outros como as leguminosas.
  • Leguminosas, como as fabas e os chícharos, incluso as lentellas, poden ser igualmente produtivas na comarca.
  • Hortalizas: entre as diversas posibilidades, citaría hortalizas como repolo, leituga, cenoria ou pataca, entre outras.
  • Árbores froiteiras: maceiras, pereiras e os pexegueiros, así como castiñeiros, nogueiras e amendoeiras, son especies tamén de explotación potencial.

A Terra Chá pode ser un expoñente do que precisa Galicia. Para iso, ten que planificar a revolución do seu medio natural mediante a convocatoria dos distintos axentes implicados –propietarios, produtores, intermediarios, minoristas, oficinas de emprego, centros de investigación, universidades, centros de formación profesional...– nunha ampla estratexia que promova os cultivos agrarios rexenerativos e a súa transformación e distribución.

Esa estratexia habería incluír medidas complementarias que faciliten a vida nas súas vilas e atraian o interese exterior. A restauración de vivendas de arquitectura tradicional semella básico. En Vilalba, por poñer o exemplo máis obvio, existen ducias de casas de pedra en ruínas a rehabilitar, o que ademais revertería na imaxe e o atractivo da capital da Terra Chá.

Estratexias como as anteriores non son nada excéntrico. Trátase do que está a suceder en toda a Unión Europea, onde as políticas promoven a valoración do propio, o desenvolvemento local, o fomento da biodiversidade e o coidado do medio. Queda iso ou asumir a renuncia colectiva, abandonar toda esperanza e esperar a que o eucalipto –a resignación– siga a avanzar.

Comentarios