Opinión

Os barcos e mais Nós

Nós, camiñamos día a día construíndo un país, que amamos, contra ventos e derrotas que fatigan e renovamos a voz en vellas batallas. Sabemos, coma ti, LV, andarmos por estes vieiros da resistencia, coa conciencia de perdermos outra vez unha guerra que xa estivese perdida. Coa túa palabra segues a formar parte neste estar e ser camiño.

Esta semana en Compostela vin mocidade dentro e diante do Pazo de San Xerome; reivindicaban que a universidade rachase as súas relacións con Israel. Turistas e persoas que remataban o Camiño tiraban fotografías das bandeiras de Palestina e non entendían a súa presenza, as reivindicacións non formaban parte da súa axenda. O estudantado foi desaloxado do Reitorado e da Facultade de Xeografía e Historia onde manifestaban a súa solidariedade nunha Acampada por Palestina, turistas e peregrinas tiraban fotografías dos sacos de durmir que ocupaban unha esquina do Obradoiro e moitas tampouco comprendían que se lles perdía nesa guerra. Pensei na ollada necesaria da fotógrafa Anna Turbau, boteina en falta para retratar esa incomprensión, a falta de conciencia mentres se produce o xenocidio dun pobo.

Fun de Compostela a Tui e lembrei aquela curta do ano 1977, Autopista, unha navallada á nosa terra, que vin por vez primeira case vinte anos despois, en 1996, na Universidade de Tréveris, na compaña do seu director Llorenç Soler e da fotógrafa Anna Turbau, que presentou a súa exposición, Santiago, pequena historia natural. O documental narra a loita contra a construción da autoestrada do Atlántico, a AP-9, que seguimos pagando e penando pola prórroga de 25 anos á que nos condenou o goberno do PP. Pontón e Rego son as voces que visibilizan a actualidade da navallada á nosa terra. Somos nós quen debe xestionala, con urxencia.

Vellas batallas da transición gravadas pola cámara de súper 8 de Carlos Varela, espello doutros tempos tan actuais para hoxe, contrainformación poderosa: manifestacións universitarias, protestas nas Encrobas, en Xove contra a central nuclear, no areal de Baldaio. Protestas contra o poder que esmaga territorio e vida, ENCE; amezas que regresan con nomes mudados que atacan Corcoesto polo ouro, Touro polo cobre e Viana en Penouta, manda truco, polo coltán. Que importante é termos a xustiza da nosa parte! Seica o TSXG anula o permiso do goberno galego, para a explotación da mina da Penouta. Non toma moi en serio o PP, nin territorio, nin vida, en Galiza. Non toma en serio o punto máis alto do país para tocarmos as nubes, Trevinca.

Querida LV, o día 12 de xuño a imaxe de máis de trescentas embarcacións de pesca pola ría de Arousa levantounos o ánimo. Nós, pobo que leva na pel as tatuaxes dos regos dos mil ríos e dos ronseis marítimos, sabemos da auga que nos rega. Na compaña do buque Artic Sunrise de Greenpeace, os barcos, adentráronse no esteiro do río Ulla, estampa de protesta fermosa, alarma contra ese monstro, Altri, ameaza desde o corazón de Galiza, a Ulloa, veleno que baixa polo Ulla e chega a Arousa e se perde polos mares. De novo, a sociedade galega ten, por forza, que se poñer en pé e o 30 de xuño temos a obriga de estrangular de mans dadas os edificios de San Caetano para botar a pezoña fóra, para facerlles ver que non o imos permitir. LV, xuntamos os barcos e a forza de todas as nosas soidades, un Nós, para vencermos a morte.

Comentarios