Opinión

Galiza e Ana Miranda

Sabes, LV, non é tan doado poñerlle un título a un texto. Penso en Eva Teixeiro, escritora do colectivo Comadres, grupo que revitalizou o significado de sororidade ligado á palabra, do que é exemplo o seu libro: Contármonos (Alvarellos Editora). Eva Teixeiro ten un poemario individual; un libro escrito baixo a sombra dun título e obrigada a mudalo pola semellanza con outro que se anticipou. Finalmente, LV, esta poeta activista, titulou os seu libro dunha maneira acertada: mapa.gal, poesía traballada coa delicadeza da ourive-autora da edición. Pensei en roubarllo para este artigo por ser Ana Miranda a personificación, o rosto, do mapa de Galiza en Europa, a súa voz, como ben se di, e a intérprete de nós. 

Gustaríame contarche do traballo de Miranda no Parlamento Europeo onde entrou como parlamentaria no 2012, antes asistenta de Camilo Nogueira. Cando ten a palabra  sabemos que leva na súa cabeza a aldea da súa orixe e que o Nós que representa racha as fronteiras e ábrese ao mundo cun nacionalismo inclusivo, que lle dá a man a moitos outros Nós, pobos e identidades que loitan pola súa existencia, do que ti e mais eu tanto falamos. Miranda ten unha grande formación como xurista que non debemos esquecer, sabe do que fala en varias linguas. É voz que non cala en Bruxelas para defender un estado palestino, que coñece o pobo Saharauí e o seu abandono polas autoridades do estado español, non é allea ás fronteiras-cárcere e negación do pobo kurdo. A parlamentaria do BNG en Europa, sabe de nós, das persoas migrantes, precisamente pola súa aldea na cabeza, que se abre a todos os lugares que cada migrante garda na súa propia e que non se debe amputar; está aí para defender, para ser a súa voz, fronte ao terríbel Plan Migratorio Europeo, que blinda o espazo da insolidaria Europa dos Estados, fronte a Europa dos Pobos que, sabes, desexamos. Un plan que era a oportunidade para lexislar políticas comúns, para crear unha cidadanía europea nova tamén coas persoas que veñen de fóra para ficar e, en moitos casos, para coidar e sempre traballar para a cidadanía vella dunha Europa vella, debedora de modos e maneiras coloniais, responsábel máxima de que esas persoas abandonaran os seus lugares de orixe. Miranda e o BNG traballan por unha Galiza aberta a eses outros Nós, ás súas linguas e identidades, a todos os seus dereitos; traballan tamén para eses galegos, esas galegas novas que chegan de fóra, como chegou Panchito das Américas da man de Castelao. Nacionalismo inclusivo que non está blindado polo cinto de grelos en que o PP fecha a identidade galega, con lingua vernácula e gastronómica. Nacionalismo inclusivo que non obedece aos pactos e deberes pola calada do PSOE, en que Galiza conta menos que Marrocos. Nacionalismo para mudar a imaxe do estado, con outros nacionalismos inclusivos, fronte ao nacionalismo de PP e da súa man dereita máis extrema.

Ana Miranda coñece Galiza e as institucións europeas coma a palma da súa man, vai para trinta anos que nos encontramos en Bruxelas, acompañei o seu percorrido e estou segura  que é a mellor persoa para nos representar en Europa. É a voz contra Altri, a defensora dunha Galiza sustentábel e dona dos seus recursos. O día 9 de xuño hai eleccións para o Parlamento Europeo é importante votarmos por Ana Miranda, por Galiza no mapa do mundo, con voz propia.

Comentarios