Opinión

Espazos de encontro

Despois do tremendo fiasco (por ser moderada) da Feira do libro de Vigo do ano pasado na que as casetas ata se instalaron de cara á parede a uns escasos dous metros das portas das tendas, a marxe de mellora era realmente ampla. Se cadra cómpre que as cousas cheguen a un estado tan delirante para coller outro rumbo, pero o certo é que a decisión de devolver a Feira á Alameda e as numerosas actividades que se realizaron fixeron dos libros un punto de encontro durante toda a semana como había moito tempo que non lembrabamos.

Nunha cidade onde a cultura semella reducirse a concertos de nomes rimbombantes e fastos carentes de afán de construír comunidade, que a Feira do libro fose capaz de concitar semellante número de persoas entusiastas é case un milagre. As moitas casetas, a ampla oferta para todos os públicos e a implicación de diferentes axentes foi a clave para unha semana especial para quen amamos os libros. Un dos acertos máis importantes foi a nutrida programación na que se implicaron axentes diversos da cidade, onde medios locais en galego e de alta calidade como a revista A Movida actuaron de catalizador para difundir propostas.

Aínda así, malia o éxito desta semana, cómpre ter conta con importar modelos foráneos que no canto de enriquecer, empobrecen a experiencia que deberían propiciar o libro e a lectura. Falo en concreto do fenómeno das "sinaturas", un momento de encontro entre lectoras e escritoras no que tamén hábiles libreiras son quen de aproveitar a presenza para dar a coñecer, un momento de afecto que non debe converterse en fenómeno de produtos e servizos. Penso no caso de Ledicia Costas, case a única escritora que suscita con absoluta lexitimidade grandes colas neste tipo de eventos, nas que houbo algúns comportamentos minoritarios, mais para nada desexables: persoas que se achegan cun certo afán cinexético a capturar a sinatura, que pensan que a autora é un servizo ao seu dispor, que asumen que mercar un libro dá dereito sobre a autora. É para min este un fenómeno estraño e se cadra cómpre poñerlle coto canto antes, pois o obxectivo da escrita, por moito que as redes sociais e certos elementos teimen en tentar presentalo así, non é crear fans, senón cidadás. E a cidadanía só pode exercerse dende o afecto, o diálogo, a empatía e o encontro. Oxalá sigamos, na feira de Vigo e no resto de feiras, afondando nesa idea de comunidade sen desviarnos do camiño.

Comentarios