Opinión

Homonacionalismo e demonización

Admito que a min o festival de Eurovision nunca me interesou o máis mínimo, mais entendo a relevancia que ten para o colectivo LGBTQ+ ao que pertenzo. É unha celebración do que sae da norma. De todo isto temos moita teorización académica que se materializa durante o festival, da celebración das vidas nas marxes. É por iso que ao final a música acaba sendo o de menos (ou polo menos para min, que non conecto nada co que aí se presenta), mais tamén sabemos grazas aos estudos da teórica Jasbin Puar do homonacionalismo, que tan patente quedou na edición deste ano. Puar debullou xa hai ben tempo o caso de Israel e como é este un país que instrumentaliza a visibilidade do colectivo LGBTQ+ para construír a súa outra palestina como retrógrada e polo tanto para xustificar as súas políticas bélicas.

Este ano o festival non estivo "envolto en polémica", que dirían os medios convencionais, senón que amosou de maneira aguda a cerna dese homonacionalismo do que fala Puar (e que está moi lonxe de ser exclusivo de Israel, por certo). Ademais, quedou patente que quen actúa contra o homonacionalismo paga un alto prezo. Nun mundo no que a hexemonía nos vende que xa vivimos no que os entes dominantes denominan "o politicamente correcto" e a "cancelación cultural" estes momentos destapan a falacia de tal discurso. 

Porque sabemos, en Eurovision e en calquera lugar, que quen abre a boca en contra do establecido, paga as consecuencias. Neste caso a consigna hexemónica do festival foi aliñarse cun estado que está xenocidando un pobo. E celebrar con purpurina. O público tivo na man non ver, non participar, mais "cancelar"? O festival foi adiante. De facto, nada se cancelou máis que as voces disidentes.

As persoas que quedaron canceladas, obviamente, foron e son sempre as artistas que xa de principio se negan a participar en certas farsas. A penalización por erguerse para defender certas ideas é algo que se paga sobre todo en estruturas establecidas nas que o poder machuca e exclúe de xeito sistemático como prolongación, base e reflexo do que se fai no teatro bélico mundial. Se cadra Eurovisión é só un recordatorio e advertencia para que vaiamos con tino e sexamos quen de desentrañar a quen se demoniza por erguerse a favor dalgo xusto e a quen se demoniza por defender atrocidades pois, aínda que poida parecer por momentos, nunca serán a mesma cousa nin se pagarán os mesmos prezos.

Comentarios