Opinión

O lugar que merecemos

Tanto ten o eixo que escollamos: dende a ausencia ao estereotipo, a hexemonía vaise construíndo sobre todo na representación das súas outras. É por iso que cando unha obra nos ofrece unha representación digna, empática e honesta de vidas que non están habitualmente no centro, a emoción é grande. E iso é o que acontece con esa marabilla de película que dirixe Sonia Méndez dende a Fonsagrada luguesa, As Neves. Tanto a adolescencia coma o rural son temas dos que se fala, mais que só engorde van adquirindo por fin voz propia (pensemos n'O Corno, Matria ou O que arde fronte a, por mencionar unha, As Bestas).

As Neves contrasta coas olladas que se deitan sobre a adolescencia e o rural, adultas e urbanas, desconectadas e proxectantes, que elixen as historias que supostamente "interesan" e as que non. Contaminadas pola cultura anglosaxoa ata a medula, os conflitos adolescentes adoitan centrarse nas relacións coas persoas adultas, en institutos e comunidades de xente "popular e impopular", en intereses que fican bastante lonxe das realidades das mozas e mozos que viven na montaña e que se lles presentan como aspiracións. Aspiracións que falan en castelán ou inglés, que buscan a diversión e ser alguén lonxe dos lugares que lles dan vida.

A mocidade d'As Neves (que se define como thriller, mais que conta moitísimo máis ao fío da desaparición dunha moza tras unha festa) divírtese, padece e goza nun lugar absolutamente propio. O traballo fílmico con eses primeiros planos dos seus rostros, con eses momentos nos que nos dan as costas coa súa dor fan das persoas adultas só sombras e voces, un eco. Na obra de Méndez, o espazo non é unha paisaxe, senón un lugar vivido e referencial, coa súa lingua marabillosa (un luxo escoitar os diálogos, os acentos e a interpretación dese elenco de xente nova salvaxe que merece un audiovisual galegofalante no que seguir medrando).

Na cerna desta película, algo tan fundamental para as nosas vidas non hexemónicas como a penetración da suposta modernidade e os seus perigos que Méndez resolve de maneira maxistral ensinándonos que estes só se superan en comunidade. Porque aquí, ninguén emigra, ninguén renuncia, ninguén foxe. N'As Neves, as e os adolescentes, en convivencia coa infancia, parten da dor e da culpa para construír un mundo máis reflexivo e coidadoso dende o lugar que habitan, o lugar que todas merecemos habitar, na ficción e fóra dela.

Comentarios