Opinión

Medo

O medo é a ferramenta principal da extrema dereita. Por unha banda crea estados de suxestión na poboación creando inimigos tipo "os emigrantes" ou "o lobby LGBT" e pola outra amedrenta, no discurso e na práctica, as persoas que nos opoñemos ao seu corolario. Sabemos pola historia e polas experiencias da vida que estamos falando en moitos casos de xente perigosa, xa non digamos interesada en sacar tallada. Partidos políticos que deixan países desfeitos, aos que non lles importa o benestar da poboación mais defender a peito descuberto valores tan "dignos" como o machismo, o racismo e a xenofobia.

A liberación deses discursos no espazo público, coa conivencia evidente duns medios de comunicación realmente noxentos, fai que moitas nos sintamos inseguras. Porque as palabras son poderosos acicates para quen quere dar renda solta ao seu odio. A entrada da extrema dereita no Parlamento Europeo efectivamente debe preocuparnos, mais non chegaría a onde está se non houbese demasiada xente mirando para o outro lado, quitándolle importancia a cousas da vida privada e pública.

É este un momento de fonda convulsión en Europa, onde os dereitos e liberdades fundamentais de grandes grupos de persoas están en xogo. Mais non é un momento inesperado, pois vemos o avance do discurso da extrema dereita en partidos que queren presentarse como "simplemente" de dereita dende hai moito tempo. A Europa fortaleza, a Europa da austeridade, a Europa corporativa e colonial ten as mesmas raíces sistémicas ca os sapos que escoitamos nun espazo público cada vez máis rancio e perigoso.

Mais o importante do medo é lembrar que é un recurso sabio da natureza para garantirnos a supervivencia. Para detectar o perigo e actuar en consecuencia. E neste caso o medo, no canto de dominarnos, debe dar paso á acción. Porque cando dicimos non ao fascismo o que dicimos é non a vivir dende o medo e con medo. E, sobre todo, debemos lembrar que as ameazas fascistas só se superan en colectividade e con empatía dende abaixo, é dicir, aferrándonos a calquera privilexio que teñamos en calquera espazo do día a día (de racialización, clase ou outros) para defender a quen está no obxectivo do discurso e acción violenta fascista en primeiro termo. Porque, por se a humanidade básica non nos chega como argumento, a historia tamén ensina que, cando o medo nos leva a mirar para outro lado porque a cousa "non vai connosco" acaba indo con todo o mundo.

Comentarios