Opinión

O presente histórico

Esta fin de semana Marta Pérez e a súa compañía Inversa Teatro pecharon a xira de O péndulo, ademais de despedirse. Pechar ciclos é importante porque sempre é o resultado dun proceso meditado. Porén, como sociedade penso que tamén temos obriga de recoñecer o traballo daquelas creadoras que nos foron alimentando ao longo dos anos (e que agardamos que o sigan facendo!).

Non puido haber un xeito mellor de pechar un ciclo que coa obra O péndulo, un exercicio de exploración da memoria histórica mais, sobre todo, da memoria familiar que conmove e conmociona por partes iguais. O artefacto teatral construído por Inversa percorre os fíos do relato terrible do asasinato do seu bisavó Tirso da Cañiza xunto con outros compañeiros da vida política da República, mais entretece neles de forma certeira a represión, as violencias e, de maneira sobranceira, a rebeldía e valor das mulleres que moitas veces quedan nos pregues do privado, na parte de atrás das cartas.

A obra utiliza unha gran cantidade de recursos teatrais para reflexionar sobre a memoria, sobre o arquivo e, primeiramente, sobre as consecuencias que falar dos feitos desencadeados polo golpe de Estado do 36 segue a ter no noso presente.

Esta cuestión non puido facerse máis presente o pasado sábado en Vigo, cidade na que foi fusilado o bisavó de Pérez, cando uns seareiros do equipo de fútbol de Las Palmas, entraron aparentemente despistados na Sala Ártika. A confusión comezou a tomar outra dimensión cando estes tres homes, falando a berros, sentaron no ambigú e, aínda que o encargado lles explicou moi amablemente que estaban nun teatro, que o "bar" pecharía en breve, que hoxe había unha obra en galego sobre a memoria familiar da creadora (todo isto porque eles non deixaron de preguntar a berros), decidiron sentar e proceder a provocar a todas as persoas presentes. Pois no contexto no que estabamos, seguir falando a berros de como grazas a Franco temos Seguridade Social, de que a guerra tampouco fora mala e demais desatinos, non pode entenderse doutro xeito.

A presenza destas persoas violentou de forma consciente a todas as que estabamos presentes e decidimos responder coa indiferenza, mais a conduta mencionada entronca coa cerna dolorosa da que fala esta obra pois, mentres non fagamos memoria, o noso presente tampouco se transformará. De aí a importancia do traballo de Pérez, a quen lle desexamos o mellor na súa nova andaina.

Comentarios