Opinión

Outro tipo de intérpretes

Pode resultar obvio sinalar que o feito de dedicarme eu á interpretación marca a percepción tan agudizada que teño de ata que punto as decisións que se toman noutros lugares afectan as nosas vidas. O meu perfil profesional tamén me fai consciente da importancia precisamente de que persoas e comunidades enteiras teñan presenza nos espazos de toma de decisións que logo determinan o noso día a día.

A miúdo, cando falamos de tradución e interpretación as profesionais e teóricas recalcamos como estas dúas actividades tocan as nosas vidas de xeitos bastante invisibilizados en espazos que nada teñen que ver con obras literarias. A tradución de prospectos médicos, de contratos, de campañas de promoción son actividades que marcan todos os ámbitos de actividade que se nos poidan imaxinar. Cando falo en primeira persoa do plural, un detalle non menor, refírome ás persoas que falamos linguas non hexemónicas. Para quen fala inglés a tradución non é algo que estea nin no seu horizonte de entendemento porque a mentalidade hexemónica sempre pensa que calquera cousa que mereza atención xa vai ser dita nesa lingua (isto tamén se pode trasladar ao castelán e outras linguas de semellante posición).

Precisamente a lexislación europea (e doutros organismos internacionais que regulan dende o tráfico marítimo ata o tamaño dun DIN A4) é un dos exemplos máis sobranceiros que temos de como a tradución e a interpretación marcan a nosa vida. E non me refiro só á actividade de traballar cun texto final senón todo o proceso no que as representantes políticas teñen que intervir no nome de alguén.

Visto deste xeito, as europarlamentarias, que son as únicas representantes electas na UE convértense en intérpretes tamén porque son a nosa voz, representan os intereses do que a sociedade comunicamos. Nese marco, ter alguén que fale o noso idioma en Europa, nun momento onde a ameaza da extrema dereita e o retroceso de dereitos que implica, coa austeridade á volta da esquina, é máis importante. Nese marco, é vital que unha muller como Ana Miranda nos represente. Non é só unha das europarlamentarias máis activas, senón unha muller que sempre está do lado xusto, que atende e que abre a porta ás voces que precisan ser escoitadas en todos os idiomas. Para que logo a nosa realidade diaria cambie. Para que ese paso sexa posible, o primeiro que temos que facer é votar por ela este 9 de xuño.

Comentarios