Opinión

Contra o silencio

Hai pouco máis dunha semana estivo por Galiza o Handala, esa flotilla da liberdade que vai percorrendo portos europeos recadando solidariedade e apoio para a pobo palestino. Navega para loitar contra a censura informativa e denunciar o xenocidio que padece a poboación de Gaza. É todo o poder sionista sobre os grandes medios de comunicación e sobre os gobernos quen marca a axenda informativa, mais todas nós sabemos que non podemos calar, temos que seguir berrando cada día, informando dos crimes contra Gaza: bombardean escolas, asaltan vivendas, asasinan crianzas, atacan os campamentos de refuxiados. Ten que saber o Goberno israelí que contra esa guerra xenocida ten a todo o planeta en contra porque a causa palestina é a causa de toda a humanidade.

Non podemos permitir que 38.000 asasinatos, deles 17.000 crianzas, miles de feridas, a case total destrución dun país e das súas infraestruturas e a fame á que o Goberno israelí está sometendo a poboación de Gaza desaparezan dos medios de comunicación, porque logo desaparecerán do noso pensamento e das nosas accións.

Un dos obxectivo do Handala é tamén pedir ás nosas representantes políticas que promovan accións de denuncia e sancións ao Estado criminal de Israel. Cómpre esixir á UE e ao Goberno español que rompan relacións comerciais e prohiban o comercio de armas con Israel. O que sucede agora en Gaza non comezou en outubro de 2023, a situación é froito de 70 anos de ocupación, mais o que sucede nos últimos meses é insoportable para calquera ser humano, por iso esta acción para denunciar o inhumano e ilegal bloqueo de Gaza é tan necesaria.

Temos que esixir, na rúa e nas institucións, políticas efectivas para parar o xenocidio, porque fronte a esa petición que é xa un clamor que percorre o mundo de norte a sur e de leste a oeste o Estado sionista de Israel segue contando co apoio dos EUA e tamén de países da UE. Cómpre esixir medidas diplomáticas que logren un alto o fogo permanente e o fin da ocupación de Palestina.

Comentarios