Opinión

As europeas tamén son as nosas

Hai pouco máis de tres meses que votabamos para escoller o Parlamento galego e aquí estamos de campaña outra vez. Semella que existe certo cansazo diante da cita electoral. E hai moito interese en que isto sexa así, unha campaña de baixa intensidade para que os dous de sempre decidan por nós. Mais estariamos moi equivocadas se pensásemos que estas eleccións carecen de importancia. Xa se encargan os medios españois de que isto só semelle unha pelexa entre Feijóo e Sánchez.

Como se esa fose a única confrontación que nos ten que importar, a dereita contra a esquerda, din. Esquecendo que os matices son o máis importante, porque esta dereita é máis ben extrema dereita e esta esquerda, mais ben centro esquerda –que esquece que nestes tempos nos que padecemos un aumento do belicismo e a diplomacia tiña que servir para lograr a paz, ela aposta pola carreira armamentística e vai enviar a Ucraína mil millóns de euros para armamento–.

Mentres creamos que a escolla é entre estes dous bandos é fácil de entender o esgotamento, porque, onde queda Galiza, os nosos intereses e os nosos dereitos? Onde hai espazo para falar do feminismo ou do pacifismo? Por iso estas eleccións tamén son as nosas porque non podemos permitir que Galiza sexa silenciada, precisamos unha voz galega, que exerza como tal, sen ter que acatar o que manden en Madrid.

Aínda que sexa unha utopía, cómpre seguir vogando por unha Europa dos pobos, impedindo retrocesos e pulando por unha Europa dos dereitos sociais e da xustiza social. En Galiza sempre soubemos que a Unión Europea é un instrumento moi prexudicial para o noso país porque leva a cabo políticas contra os nosos intereses e profundamente antisociais. Mais xusto por iso, cómpre ter voz propia en Bruxelas, que defenda a economía produtiva do noso país, para impulsar políticas do benestar e de defensa dos servizos públicos; para erguer a voz en favor dunha Europa social e democrática, que aposte pola paz, a democracia e os dereitos dos pobos.

Comentarios