Opinión

República galega

N estes días finais do mes de xuño de hai 93 anos proclamábase en Galiza a República Galega. O 19 de xuño pasado fixéronse 10 anos da coroación de Felipe VI e os partidos españois e as institucións do Estado festexaban o 10° aniversario da proclamación do novo rei. Logo do descrédito da Coroa, o rei Juan Carlos, nomeado polo réxime franquista Rei de España e que xurou fidelidade a Franco e aos Principios do Movemento, decide abdicar no seu fillo. A  monarquía herdeira do franquismo pretendía dese xeito renovarse. Tarefa imposible, aínda que quixera, que desde logo non parece que se esforzase para iso.

Mais nestes días, ademais de repetir que non temos nada que festexar, é ben recoñecer que en Galiza xa houbo un intento de facer fronte a España proclamando unha República Galega. A proclamación da República Galega é un feito moi descoñecido –mais que cómpre reivindicar– na nosa historia. O detonante foi a paralización da obra do ferrocarril que debía unir Zamora coa Coruña. Quen se coloca á cabeza da revolta será o movemento obreiro, apoiado polo galeguismo, mais tamén por figuras do independentismo chegadas da emigración. Outra vez obreiros e intelectuais xuntos como xa o fixeran no Banquete de Conxo.

Revoltas en Ourense, Compostela ou A Coruña. Mitins onde se oía: "[a solución está] proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falta, cariñosamente a Portugal, a nosa irmá". A prensa do momento, e non só a galega, recolle ese pulo soberanista cando conta como unha multitude ocupa a Casa do Concello de Ourense e alí mesmo rachan a bandeira española republicana e erguen unha bandeira de Galiza.

Non nos instalemos en que "a historia de Galiza ocupa pouco": o ocorrido entre o 25 e o 27 de xuño de 1931 permite amosar a vontade de autodeterminación do pobo galego aínda que nesta ocasión tivese unha moi curta vida. Toca outra vez pular por unha República Galega laica, feminista, democrática e baseada na xustiza social. Unha República Galega para gobernarnos a nós propios.

Comentarios