Opinión

Cantareiras e Rosalía

O estouro de ledicia popular ao se facer pública a elección das Cantareiras para o Día das Letras Galegas de 2025 ten poucos ou ningún precedente. Asociacións culturais, músicas e músicos –moitos dos cales beben da poesía popular oral, continuándoa–, escritoras, libreiros, xentes do común, entenden esa decisión como un recoñecemento por parte da RAG de que a nosa cultura reside no pobo galego. Escóitase ou lese: "A miña avoa estaría feliz". Nas Cantareiras están as avoas, as nais, as veciñas que custodiaron a lingua galega pasándoa de boca a boca, como alimentan os paxaros ás súas crías.

Son as mulleres anónimas, fillas de solteira como Adolfina e Rosa Casás, emigrantes como Rosa, empregadas do fogar como Eva Castiñeira, labregas como as Pandeireteiras de Mens, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema. Mulleres subalternas que celebraremos no día dunha lingua que se intentou manter na subalternidade. Vidas ás que non se prestou atención e que, porén, termaron da lingua galega e da poesía durante séculos. 

Impulsada por Ana Isabel Boullón, a escolla das Cantareiras continúa o camiño iniciado por Rosalía de Castro: os poemas de Cantares gallegos, libro honrado o 17 de maio, dialogan coa poesía popular. Para Rosalía estas cancións son cultura, ben está que a academia siga as súas pegadas ampliando as imaxes da cultura galega, que camiñe en sintonía co pobo. Incluíndo nesta imaxe as achegas das mulleres, das pandeireteiras que acompañaban as rogas, os traballos colectivos. A poesía popular oral ten continuidade: Leilía, Fuxan os ventos, Milladoiro, Mercedes Peón, Sés, Xabier Díaz, Tanxugueiras, Fillas de Casandra, Caamaño & Ameixeiras e moitas máis. Coñecémola mellor grazas á recolleita de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, á Central Folque.

Con Rosalía cantaremos o 17 de maio esta poesía que chega a nós en ás do vento: Fun polo vento, vin polo aire.

Comentarios