Opinión

As espiñas das poetas

"Érgome dragón todos os meus corpos posíbeis e brutais", di Luísa Villalta no "Poema da cidade alta", último de En concreto, no que a poeta comparte identidade coa Vila Alta inscrita no seu nome. Luísa dragón, Luísa serpe, Luísa afouta. O activismo político de Luísa Villalta, polo país, pola lingua, a natureza, o mar, é inseparábel da súa poesía. Digo político, ela non tiña medo desta palabra, eu tampouco. Rebelándose contra as inxustizas, contra o espolio do territorio, contra un destino escrito de antemán: "daquel ser predestinado / que comigo e en min se revelaba / e contra quen eu me rebelo". Alzando a voz por Palestina. Escavando memorias silenciadas, iluminando a historia dos vencidos, como analiza Pilar Pallarés no limiar á extraordinaria antoloxía Así vou eu, formando parte, editada xunto con Eva Veiga. Memoria dos vencidos: "cansada coma min no cansazo do pai cego / no cansazo do avó en silencio / e da nai rota de recoser as coplas aprendidas na saia da avoa". Memoria do barrio coruñés da prostitución, desaparecido entre as gadoupas da especulación urbanística, nos poemas de Papagaio, sobre fotografías de Maribel Longueira: "Subía o verán as escadas entre as pernas abertas da cidade".

Non hai rosas sen espiñas, aínda que Sés ensínanos que ela é espiña sen rosa; tampouco hai peixes sen espiñas. As poetas que escriben poesía en serio teñen espiñas. Cultívanse agora rosas sen olor, descoñezo se carecen de espiñas, mais non son de verdade. En canto aos peixes, hai uns produtos de migallas prensadas que non pican a ninguén. Algúns libros publicados sobre a nosa poeta omiten o seu compromiso, o seu activismo; lembro que rapazas e rapaces son seres intelixentes e non deberían ser alimentados con purés. Volumes como Así vou eu, formando parte, dan conta das espiñas de Luísa, da súa poesía radiante. Celebrámola este ano e seguiremos léndoa sempre.

Comentarios