Opinión

Oliva e Rosalía

O camiño da poesía popular, o da lingua galega, é de ida e volta, como o do fuso no tear, ou a agulla dunha banda a outra do zurcido reparando a tea gastada nunha obra de arte.

Nos encontros con lectoras, maioría, e algúns lectores, sobre “As malas mulleres”, nos luminosos faladoiros que son os clubs de lectura, xorde ás veces a pregunta sobre a escena na que un poema de Rosalía é lido ou recitado nunha feira. Eu non escollín os anos nos que transcorre a novela, de 1863 a 1865, que viñan dados pola presenza de Concha Arenal como visitadora no cárcere da Galera. Quixo a fortuna que o primeiro é o da publicación de “Cantares gallegos”, que se converteu nun personaxe máis da narración. É verosímil que Juana María de Vega posuíse ese libro, sendo impulsora dos Xogos Florais de 1861 e da publicación o seguinte ano do “Álbum da Caridade”, onde varios poemas de Rosalía aparecen por vez primeira.

Sería posible entón que unha muller recitase ou lese “Adiós ríos, adiós fontes” na feira da Estrada? Inspireime para isto na señora Oliva, unha muller que coñecín en Toba. A señora Oliva Trillo naceu en Sembra en 1926, non puido asistir á escola máis que uns poucos anos e comezou a traballar aos catorce. Lía e escribía con dificultade, mais recitaba de memoria “Este vaise, e aquel vaise” de “Prá á Habana”. Este poema debía resoar nela: a súa nai e unha irmá, nai solteira, emigraron á Arxentina en 1940 e nunca as volveu ver. Onde os aprendeu? Talvez na feira de Senande, talvez llos ensinara o mestre republicano de Toba, Ángel Caamaño Villaverde, asasinado polos golpistas en 1937.

A poesía popular, creada e preservada polas mulleres, é o alicerce sobre o que Rosalía ergue “Cantares gallegos”, nos que todos os poemas menos dous son glosas de poemas populares. As mulleres galegas recoñecéronse neles e nos de “Follas novas”, facéndoos seus nun camiño de ida e volta.

Comentarios