Opinión

Viva a Ulloa Viva

Xuntámonos nunha roga colaborando na tarefa común de defender a Ulloa, o corazón de Galicia, a Terra do Medio –en nome que debemos a Xosé Vázquez Pintor– na tarefa de defender a Galicia. O vinte e seis de maio, día no que lembramos a Mariana Pineda, executada polo seu compromiso contra o absolutismo, chegamos a Palas de Rei desde todos os recantos de Galicia. Chegamos tantas, tantos, que ateigamos as estradas fervendo de xentes sen poder conter o berro "Altri Non" que pugnaba por escapar das gorxas, tivemos que imaxinar atallos, que deixar coches e autobuses en lugares impensábeis. 

A manifestación de Palas é un chanzo despois das 25.000 alegacións ao proxecto de Altri, non un final. A plataforma Ulloa Viva segue traballando arreo para gardar o territorio da cobiza. 

A Ulloa é o corazón de Galicia, necesitamos que siga batendo. E o río Ulla unha das arterias que van desde o corazón ás terras, desde o corazón ao mar. A Ulloa é un dos territorios do paraíso, como o paraíso é descrito na literatura por Vázquez Pintor, por Carlos Méndez, por Lorenzo Varela e antes por Emilia Pardo Bazán n'Os Pazos de Ulloa. Como o paraíso, "un mosaico rico, no canto dunha paisaxe monocroma de eucaliptos" describírona Maika Sánchez e Mónica Cea, representantes de Ulloa Viva que leron o manifesto. Marcan un camiño para fixar poboación nas vilas e aldeas, que estarán vivas se son posíbeis os proxectos de vida dunha veciñanza responsábel da natureza que, como dicían Maika e Mónica, coidamos e nos coida.

A Ulloa é un patrimonio natural, auga, terra, aire limpo, ríos saltaricando. É tamén patrimonio cultural, atravésaa o Camiño de Santiago cos peregrinos engaiolados pola beleza da paisaxe. Natureza e cultura que non deben ser estragadas. Ninguén pode imaxinar un Camiño de Santiago entre eucaliptos e fumes. Cómpre defender o patrimonio, a auga, a Terra para que a Ulloa siga viva.

Comentarios