Opinión

Cantar o Himno

Por compromisos literarios, estiven o pasado sábado nunhas xornadas en Candás, no concello de Carreño. Estes días conteille ao alumnado que ao rematar as actividades procedeuse a cantar o Himno de Asturias. Alí chegou o gaiteiro que nos lembrou aos presentes a idoneidade de nos pór en pé, ao tempo que nos convidaba a cantar o himno. Cantaron todos, maiores e cativos, que os había. Nalgún caso pareceume que con sentida emoción, precisamente por parte de quen exerceu como orgullosa falante de asturiano, unha lingua que empregaba desde sempre, porque os seus pais así decidiron aprendela, sabedores de que o español o adquiriría na escola.

Recorrín á anécdota para tentar explicarlle á rapazada que sabermos o Himno de noso é algo normal e natural. Estaban espantadas de que lles dixese que tiñan que aprendelo, abriron moito os ollos e aseguraron que non ían ser quen. Eu sentín aparecer todos os fantasmas en fileira, e xa escoitaba aqueles cualificativos de "rancios" e "adoctrinadores" que no seu día utilizaron algúns sectores contra as Galescolas. E non sei se mesmo acabei por autocensurarme.

Decidín mostrarlles diversas interpretacións, desde as solemnemente entoadas por algún coro galego, até a sinxela do #DígochoEu. E acabei coa actuación das Tanxugueiras en Balaídos. Mentres lla poñía fun reparando en cantas persoas das que enfocaba a cámara cantaban. Dos máis cativos pareceume que ningún. Dos mozos futbolistas un cantaba, algún outro movía os beizos. Poucos seguiron a letra que soou na versión oficial, aínda non restituída nos seus erros de lectura (cando van restablecer o texto que escribiu Pondal?).
Algúns destes rapaces que non saben o Himno reciben aulas de música tradicional, tocan a gaita ou o tamboril. E por que os seus mestres non integran no seu repertorio o Himno? Desde aquí, convídoos a que así o fagan de xeito que, entre todos, manteñamos viva a posibilidade de que calquera galego ou galega poida entoalo cando o considere oportuno, ou necesario.

Comentarios