Opinión

A falacia da igualdade

Lendo que os representantes da política educativa de doce comunidades do PP se xuntaron en Salamanca para acordar que en 2025 van facer as mesmas probas da ABAU, a min veume á cabeza o final de curso de 2012, aquel en que o entón presidente e agora líder da oposición e do PP que toma estas decisións agasallou os novos licenciados cunha maleta. Si, porque penso eu que estes políticos necesitan iso, maletas, e saír a coñecer mundo.

Din eles que só se se fai o mesmo exame, o alumnado terá as mesmas oportunidades. A min faime graza que alguén que non conseguiu aprender a dicir "crise" ou colocar ben os pronomes na lingua que lle deu acceso á carreira política que ten alardee de que nese documento asinado no Colexio Arcebispo Fonseca até pactaron o número de faltas de ortografía. Importantísimo. Pero pouco máis van unificar que o número de faltas e as datas de celebración.

Porén, das denuncias sobre a manipulación das cualificacións que se fan nos centros privados para que o seu alumnado chegue ás ABAU cunha nota elevada que lles suba a media, diso non din nada. E mira que mesmo hai pronunciamentos de institucións coma o Defensor do Pobo de Navarra que sinalou os centros do Opus Dei, con nomes e apelidos, por outorgar unha cantidade de sobresalientes por riba da media que, logo, non se reproducían nas probas da ABAU. Algo que tamén recollía un informe elaborado polo Observatorio do Sistema Universitario en xuño de 2023, e que di que "a primeira inequidade está causada polas substancialmente máis altas porcentaxes de estudantes con notas sobresalientes de bacharelato dos centros privados concertados e, máis aínda, dos privados non concertados".

Maletas si. Que viaxen por Europa e tomen notas de como son os sistemas educativos. De Alemaña, por exemplo, onde cada Länder fai as vacacións en diferentes datas, procurando non coincidir (imaxinades?). Ollo, que tamén poden quedar alá como expertos para corrixir iso de que cada quen faga as vacacións cando lle pete.

Comentarios