Opinión

Galeusca

O Galeusca literario volve reunirse en Palma de Mallorca. Este novo encontro reactiva a Federación Galeusca, así denominada desde 2008, en que se conmemorou o 25 aniversario da primeira reunión decorrida en Cataluña o día de San Xoán de 1984. 

Transcorridos corenta anos desde aquela primeira reunión en Poblet, hoxe volvemos insistir, outra vez, na necesidade do "impulso normalizador" das nosas linguas e de dar "difusión e promoción" tanto ás respectivas linguas como á súa produción literaria. "Un paso adiante e outro atrás" dixo o poeta, deixando descrito, sen sabelo, o que foi o proceso de normalización lingüístico e cultural que se inicia tras a promulgación da Constitución española de 1978.

Cando nos achegamos ao remate do primeiro cuartel do século XXI, a necesidade de ampararnos, de compartir experiencias, de reflexionar, de, en definitiva, darnos azos para manter e reimpulsar as nosas reivindicacións xúntanos en Palma de Mallorca. Se hai dez anos a actividade ficou esmorecida, a actualidade política e o trato que reciben as nosas linguas reactivou esta ferramenta necesaria. Porque cómpre seguir denunciando a minorización dos nosos idiomas, os novos mecanismos de represión e os prexuízos constantes contra deles. Os mesmos que nos reclaman que non politicemos a lingua, que a lingua non pertence a ninguén porque é de todas e de todos, aproveitan o seu paso polo poder para reducir, recluír e refrear este patrimonio que nos define, porque buscan, ante todo, que perdamos a nosa identidade. Diluírnos.

Mais nós sabemos de onde vimos e quen somos, por iso, como constataron os presidentes das tres asociacións de escritores e escritoras, a pesar de que as nosas linguas seguen ou volven ser minorizadas, a literatura que nace delas goza dunha vitalidade extraordinaria, sendo capaz, grazas ao mecanismo da tradución, tema deste encontro, de atravesar fronteiras e dialogar sen intermediarios con outros pobos. Darnos a coñecer e sermos recoñecidas. Seguir vivas. 

Comentarios