Opinión

O prezo da luz

Manuel María cantou "o humilde regato do Cepelo". No libro A luz resuscitada dixo del que pasaba "como unha canción de amor", que tiña "a fraxilidade dun salouco" e "o delicado arpexio máxico dun chío". Nun libro anterior (Escolma de poetas de Outeiro de Rei) fixera a súa filiación familiar: amigo da cotovía, curmán do reiseñor, auga ao fin, que leva "árbores e nubes copiados no teu cristal! ". En 1993 escribiu o Auto do Regato do Cepelo en que a personaxe de Don Capitón encarnaba o cacique capitalista que chegaba coa súa moderna proposta de desecar "un fío de auga que desacredita a parroquia e todo o término municipal…".

Foron moitas as veces en que o regato cruzou a súa obra, talvez porque "Como o Cepelo son: auga que pasa" (Sonetos á casa de Hortas).
O caudal do Cepelo, malia ser só un regato de "augas esguías", acaba por chegar ao Miño e, confundido nel, pasar por todos os encoros que a Ditadura nos deixou no seu traxecto: Belesar, Os Peares, Velle, Frieira e Castrelo de Miño coa súa revolta popular. 

Humildes regatos e ríos que foron embalsados para contribuír a unha produción de enerxía que excede as nosas necesidades. Miles de hectáreas asolagadas, leiras, casas, aldeas enteiras convertidas en millóns de euros para uns poucos, mentres algúns dos que sufriron en carne propia o desafiuzamento imposto polo progreso enerxético talvez hoxe non dean pagado o recibo da luz. Mágoa que, como no Auto de Manuel María, as máquinas non volvesen contra os Dons Capitóns que borraron do mapa tanta terra e tanta xente.

Ao redor das toneladas de cemento que reteñen os ríos aumentou a pobreza, acentuouse o despoboamento e mesmo os desaxustes xeolóxicos. A súa construción xa está amortizada. Así que, como din os datos que se publicaron esta mesma semana, os encoros galegos son todo beneficio. 545 millóns de euros en 2023 que se suman aos 3.522 da década anterior. Todo para as arcas de empresas radicadas fóra da Galiza.
Nin un só euro deses beneficios volveu ao noso país.

Comentarios