Opinión

Té con xeo

Aínda non eran as 12 da mañá e un turista inglés pasounos polos fociños o seu lustre colonial.

Nós estabamos no posto dunha ONG nunha vila coruñesa da costa. O inglés de cellas rubias e uniforme caqui púxose a manipular un dos libriños. Entón preguntou se non o tiñamos en castelán. Dixémoslle que nese momento non (cadra que dese material hai versión en español), pero tiña o discurso preparado e non escoitou: "É un atraso isto dos galeguistas, a ciencia ten que estar nas linguas que se falan, inglés e castelán". Retrucamos sorprendidos e espetounos: "Ademais hai que ter en conta que vivides do turismo, castelán e inglés. Bla, bla, bla".

E marchou. Buf.

Quedamos como se un lord inglés baixase do cabalo co perrucón e nos arrease un chicotazo.

Ao mediodía fomos xantar a un restaurante de nome galego en que serven o menú do día todo o ano, ou sexa á xente que traballa. O camareiro que nos atendeu era políglota, ben, galego non falaba. Pero inglés! Dicíalle aos da mesa do lado: "Where are you from? New York? Oh, you leave at the big apple?". E sorría satisfeito de falar co americano.

E chegounos a hora de pedir café...

Quen me acompañaba pediu un té con xeo, "con que?", "con esas pedriñas de auga conxelada", "hábleme español que no lo entiendo" (e aquí puxo acento andaluz).

Xa non sei como nos fixemos entender, porque nós seguimos falando bantú, que para iso somos  afoutos montunos. O xeo veu, pero en vez de té trouxeron café e xa non o puiden evitar e alcei a voz: "Té, té, té, the tea!".

Non vos riades que o conto é serio. Sentinme agredida. Choraría de impotencia se non fose por orgullo.

E pregunteille ao do meu lado: "Onde estamos? ... Estás seguro? Porque semella que sexamos estranxeiros. Nós... Que estamos na terra que nos viu nacer".

Cadrou que ao día seguinte Marcos Maceira agasalloume co libro que escribiu con Elsa Quintas, Liberdade para o galego. Un libro que xusto se pregunta, entre outras cousas, se abonda coa nosa propia vontade para usarmos a nosa lingua.

Comentarios