Opinión

1984

Na anterior entrega desta columna aludimos ás presións mafiosas dalgúns congresistas estadounidenses sobre a Corte Penal Internacional no contexto dunha orde mundial quebrada e "triturada" simbolicamente na sede da ONU polo embaixador israelí, quen destruíu fisicamente a Carta dos Dereitos Humanos entre falacias acusatorias diante da ollada impávida das delegacións multinacionais presentes. Falabamos tamén do proceso de mímese e israelización das extremas dereitas occidentais que ven reflectido en Netanyahu un referente cumprimentando, con impunidade, o seu soño húmido: aniquilar e someter  poboacións enteiras "democraticamente". 

Documenta o autor australiano Antony Loewenstein no seu O laboratorio palestino como Israel exporta tecnoloxía da ocupación, xa que algúns dos "avances" militares empregados alí acaban aplicándose como ferramentas de control social polos estados. Habería que falar ademais da ideoloxía da ocupación que lle dá soporte se atendemos ao pronunciado nos últimos días por distintos empresarios norteamericanos –Darren Woods de Exxon Mobil, e outros–: propoñen penalizar aqueles estudantes que protesten contra o exterminio coa imposibilidade de acceder a un contrato laboral de por vida, usando na identificación a mesma Intelixencia Artificial que o estado sionista emprega para individualizar execucións sumarísimas de civís indefensos. Trump propón directamente deportacións. O asasinato selectivo en Palestina tería así correlación coa morte civil nunha sociedade da vixilancia como a imaxinada por George Orwell. A asociación totalitario-tecnofeudal escenificouse entre Milei e Elon Musk recentemente. Tal involución amósanola superficialmente Eurovisión, pois mentres aparentan avanzar certas "liberdades" e "a diversidade" nunha festa multi-cor, por abaixo empurra imperceptible unha corrente de manipulación do poder na procura dunha nova normalidade: militarización social, censura e suspensión do dereito humanitario. Un xardín onde nada floreza.

Comentarios