Opinión

Espectro

O eixo Bos Aires-Kiev-Tel Aviv forma un triunvirato ultra que axita as augas do mundo occidental. Patrocinado polos intereses estratéxicos de Washington, o acatamento da burocracia de Bruxelas e a aceptación acrítica da meirande parte de gobernos, no estado Español a deriva irrádiase de xeito especialmente intenso desde o alto-berrante da Comunidade de Madrid. 

O salto sen retorno do neoliberalismo ao necroliberalismo militarista une sociópatas consumados e potenciais: o que en Gaza constitúe un sistemático exterminio nihilista apercibido por institucións xudiciais supranacionais ameazadas e presionadas por EUA e Israel, no leste europeo maniféstase cunha xeración amortizada e empurrada á guerra fraticida "ata o último ucraíno". Aquel réxime antidemocrático sostido pola OTAN recruta forzosamente todo home maior de 27 anos. Na capital do Reino a violencia institucional e o desprezo pola vida resúmese nunha cifra indeleble: 7.291. As vítimas, abandonadas polo poder público durante a pandemia, cualificounas como "viejitos pelotudos sin seguro privado" o liberticida irracionalista Milei no cumio da internacional do odio dos de Abascal, admiradores de Netanyahu. En seis meses de show e drásticas medidas cócese na Arxentina unha silandeira catástrofe social que incuba un estalido memorable. 

A evolución na porcentaxe de apoio ás tendencias incivís no Parlamento Europeo incrementouse en cada convocatoria desde 2004 (UE-25): prevese que poidan ser decisivas agora. A "dereita tradicional" repite erros históricos, normalizándoas. Sería a eclipse agónica dun proxecto que idealmente naceu para unir e desenvolver os pobos, mantendo a paz logo da apocalipse da II Guerra Mundial. A gran prioridade céntrase hoxe en exercer como peón de plans imperialistas promovidos pola Estratexia Bogavante, da que falaremos outro día. Tal dependencia xeopolítica auto-infrinxida re-potencia que un espectro percorra o vello continente, ameazante: un colapso ético-político e a súa ben coñecida peor versión.

Comentarios