Opinión

Fico, caso aberto

Cando se produce un acontecemento da gravidade dun magnicidio, consumado ou non, adoitan aparecer múltiples teorías explicativas. Ás veces tamén distintas liñas de investigación que rematan difuminadas nunha nebulosa, deixando o caso aberto para elevalo a categoría mitolóxica. Abonda con lembrar paradigmáticos exemplos como os de Aldo Moro, JF Kennedy, Olof Palme, Carrero Blanco ou, máis atrás no tempo, o do deputado socialista Giacomo Matteotti na Italia de Mussolini. As conexións entre mafias, intereses empresariais e xeopolíticos, servizos de intelixencia, elementos extremistas, grupos paramilitares e outras forzas do poder na sombra ou ligados á raison d´État trufan especulacións que a verdade xudicial establece mais non sempre esclarece completamente.

Son tempos dunha concatenación de episodios que, no contexto actual, sobresaltan a opinión pública. Nas últimas datas súmase ao do presidente eslovaco o intento de asasinato do príncipe herdeiro saudí, un amago de golpe de Estado en Turquía, un frustrado golpe na República Democrática do Congo con participación de mercenarios estadounidenses ou o accidente de altos dignatarios iranianos nunha montañosa rexión persa. Tal como evolucionan as informacións no caso do PM centroeuropeo –que non encaixa nas categorías políticas habituais do stablishment de Bruxelas– fixeron aparición desde a oficiosa que liga o suceso a un "lobo solitario" ata as que –como indica o experto analista internacional español Juan Antonio Aguilar– abren a porta á implicación dunha versión re-adaptada da rede Gladio da OTAN, intervinte nalgúns procesos políticos continentais dos 70 e 80 a obxecto de frear a influencia euro-comunista, especificamente en Italia, a través de operacións encubertas executadas por "exércitos clandestinos" que retroalimentaban a "estratexia da tensión" con Moscova. Daniel Ganser, Alessio de Fina… moitos autores trataron o tema con ánimo investigador e rigor documental. A pregunta fundamental: cui prodest?

Comentarios