Opinión

Macron Bonaparte

O segundo mandato do vixésimo quinto presidente da República francesa non está sendo, precisamente, un camiño de rosas: aos problemas internos relacionados co aumento das desigualdades e mais os conflitos sociais relacionados coa integración de minorías sumouse a perda de influencia nas neo-colonias do Sahel ou os disturbios en Nova Caledonia. Neste ano tivo que resolver esixencias autonomistas corsas abrindo a porta a unha mudanza constitucional e, co pano de fondo dun crítico contexto internacional derivado da escalada bélica desde 2022, recibiu un duro revés electoral nos comicios europeos que o obrigaron a convocar eleccións lexislativas anticipadas.

Como representante da elite corporativa “liberal” (ex-empregado da banca de investimento da familia Rotchild) afronta a xestión compartida dun complexísimo panorama: mentres apela ao incremento da confrontación militar coa Federación de Rusia, considerando agora até o envío de persoal militar a Ucraína, evidénciase como a extrema dereita lepenista ameaza seriamente a estabilidade do sistema político, as rúas e a opinión pública convulsionan e artéllase unha Nova Fronte Popular cun maior peso proporcional dos socialistas respecto a outros ensaios anteriores que “obriga” asumir a estratexia da OTAN (non o facían os de Mélenchon) e aceptar parte do relato sionista nun Oriente Medio volcánico, mais cun programa social avanzado cualificado de “perigoso” polo Elíseo e a patronal.

A polarizada efervescencia sociopolítica, ilustrada na crise da dereita conservadora gaullista, sacode os cimentos da V República. Sendo un dos centros neurálxicos da UE, e sen producirse aínda oficialmente o falecemento de uniformados franceses nas estepas eslavas, a situación esboza moi ben a serie de procesos imprevisibles que poderían desencadearse no continente se continúa a aposta colectiva por infrinxirlle a Rusia unha derrota estratéxica exposta en termos existenciais mediante unha quimérica aspiración de vitoria total occidental.

Comentarios