Opinión

Xeopolítica do litio

Un par de horas antes de que no 26 de xuño principiasen movementos irregulares dalgunhas unidades do exército boliviano na capital do país andino, o magnate tecno-feudal Elon Musk posteaba na rede social X o voo dun falcón. Nunca agochou publicamente as súas intencións o dono de Tesla e SpaceX ("daremos un golpe de Estado a quen queiramos"), pois algúns dos materiais críticos en disputa ao longo do planeta son base fundamental dos seus negocios e da chamada "transición verde e dixital". Concretamente, Bolivia conta cunha das maiores reservas mundiais certificadas con arredor de 23 millóns de toneladas e, xunto a Chile e Arxentina, conforma o coñecido "Triángulo do Litio" sendo este o maior depósito global de "ouro branco". O goberno de Evo Morales nacionalizara a explotación deste recurso natural, o cal determinou un dos factores que motivaron a súa destitución ilegal no golpe de Estado de 2019. Non debe obviarse que no 2023 a empresa estatal Yacimientos de Litio Boliviano (YLB) selou un acordo coa firma rusa Uranium One Group (pertencente á estatal Rosatom) asinando tamén convenios coa República Popular China para iniciar a súa explotación a escala industrial. Así mesmo, o actual Goberno de Luis Arce solicitou recentemente o ingreso no club dos Brics+. 

Recolliamos nestas liñas en abril (Plan Cóndor 2.0) as palabras da xefa do Comando Sur estadounidense Laura Richardson, onde manifestaba a ambición dos EUA sobre estes e outros xacementos da rexión. As disensións internas no Movimiento al Socialismo (MAS) como causa endóxena e as aspiracións imperialistas como causa esóxena axudan a entender este xa longo proceso de desestabilización por fases dentro dun plan moito máis amplo para América do Sur no que o Goberno arxentino de Javier Milei actúa hoxe como "punta de lanza" dos intereses estratéxicos e privados promovidos abertamente desde o Norte. O litio: non é casual pois que no Dombás se atope outra das grandes reservas mundiais. As maiores de Europa.

Comentarios