Opinión

A peito descuberto

Fronte ao criterio de moitas feministas serias que declinan as exhibicións pintorescas das Femen, eu rescato o valor teatral e a frescura da acción directa destas mulleres. 

Fronte ao criterio de moitas feministas serias que declinan as exhibicións pintorescas das Femen, eu rescato o valor teatral e a frescura da acción directa destas mulleres. Así llo comentaba a unha columnista e amiga a que lle pediran un artigo nun xornal galego sobre o asalto ao Congreso das feministas. Sen dúbida nos tempos que corren, eu sempre prefiro gañar o tempo sobre as tribunas, inda que sexan de invitad@s, que perdelo entre costuras. 

"Sempre prefiro gañar o tempo sobre as tribunas, inda que sexan de invitad@s, que perdelo entre costuras"

Nun momento en que @s representantes políticos desoen os bruídos dos movementos sociais para dedicarse a protexer os seus minifundios (ou latifundios) de poder, as rúas falan do malestar e descrédito deste colectivo. Tanto teñen as siglas ou bandeira, todæs gozan duns privilexios fiscais que na cidadanía serían penados,. Tanto ten que despois se camuflen con desplantes e proclamas incendiarias; demagoxia, nada máis. Eu non vos creo, non acredito na vosa integridade nin na vosa impostada solidariedade. Ningún de vós se mostra co peito descuberto nin se tira sen rede para defender á cidadanía por riba da vaidade persoal ou o proveito do propio partido.

As femen saben moi ben onde actúan e contra quen. Non arremeten contra os individuos senón contra as institucións que deberían protexer os dereitos da cidadanía. Pero ultimamente só nos vai o corpo en asaltar eses órganos de soberanía popular, porque son nosos; pagámolos todæs.

"A intervención das femen reclamando o dereito á libre elección da interrupción do embarazo é un asalto oportuno, pero vaticino que haberá máis". 

A intervención das femen reclamando o dereito á libre elección da interrupción do embarazo é un asalto oportuno, pero vaticino que haberá máis. 

Pode que o slogan “o aborto é sagrado” non transmita a aspiración da autodeterminación das mulleres sobre os propios designios vitais; pode que o nivel de simplificación dun slogan enturbe o obxectivo final, pero esta afirmación categórica arremete contra as dúas institucións que sempre obstaculizaron os nosos dereitos e que agora, e desde os tempos do antigo réxime, volven camiñar xuntas:  a Igrexa e o Estado. O ministro de xustiza non deixa de ser un representante da igrexa no parlamento; cómpre deixalo claro, nunca vai ser democrático un ministro que somete ás cidadás aos prexuízos doutrinais. E esa si que é violencia e da boa, impepinable violencia á que condena ás mulleres a unha vida indesexable, condicionada, escrava. Comezan pola interrupción do embarazo e continúan polos anticonceptivos, coa banda de fondo “medrade e multiplicádevos”. Non hai muller máis desexable que unha doce aleitadora a tempo completo.

Non vou entender estas denuncias literalmente “a peito descuberto”?. E máis que virán.

Comentarios