Opinión

Apoloxía de PorExemplo (II)

E eu, esforzar, esfórzome, e seica non vale de nada porque era e serei sempre un estraño se me esforzo tamén en esquivar a palabra –estranxeiro– porque non quero pronunciala máis, os levos me demen, o sea, os demos me leven, é o que queredes todos xuntos en unión, convencérdesme de que é estranxeiro o que eu son e cousa ningunha outra. PorExemplo é o pecado orixinal e non tiña nin terá perdón.

Ben que admiro as túas formas. O teu acento, mesmo cando me falas en español, Minguiña, que o voso é sobre todo entoación e esa cada vez nos ten máis rendidos, os moitos que vimos de fóra da Terra e uns poucos nos decatamos moito de que esa arte que concita tantos a serdes locutores e presentadores vos entra desde a vosa lingua aínda que os que triunfan no acento, na entoación das voces en off e presentadores narradores e contistas orais non o fagan na vosa lingua, que sexa nese español matizado que distingue abertas de cerradas e produce as enumeracións cantareiras que contrastan coas ridículas enunciacións administrativas en serie da miña terra de orixe que xa non é miña, do meu PorExén do que me empeño en renegar esterilmente e ti non me deixas, fodechinchos serei toda a miña vida sen importar o que faga. E iso que xa vou preguntando igual que facedes vós, e non, que non falo de respostar a pregunta con pregunta outra, non é iso, que tamén, falo da pregunta que acaba decrecente,

—Ti de quen vés sendo?

igualiño que o inglés pulido, poli, polite,

«»Where are you coming from?

xusto o oposto a como o dicía eu antes, que xa hai ben tempo que non o fago,

¿Se habrán dado cuenta de nuestra fuga?

Pois non che importa, Isaura, por moito que me esforce, por ímprobo deshumano heroico que o esforzo sexa, nunca chegarás a aprecialo o suficiente, que para vosoutros nunca xamais virei sendo un entre vós, o estigma é estigma para sempre, PorExem for ever sen remisión nin perdón, que raio!

Se non me gustases tanto, rapaza, miña carrapucheiriña dicía Rosalía, cantísimo me levou deprendela e cantaruxarche a palabra na cova do ouvido non me vale de nada, se non te quixese tanto decontado abandonara, que o esforzo é excesivo para conseguir tan pobre resultado, diaño.

Comentarios