Opinión

Sobre os nacionalismos

O panorama político actual, cunhas eleccións europeas ás portas, que terán lugar o vindeiro domingo, 9 de xuño, pon de novo na escena política situacións e debates que cómpre clarificar. Compromisos sociais e políticos presentes mais alá do valor do voto.

Diante do perigo real do triunfo da extrema dereita, disfrazada de dereita conservadora, hai que distinguir pola praxe e mensaxe quen está pola Europa social dos pobos e das persoas, pola diversidade e liberdades democráticas, e quen impón para seu beneficio e o dos grandes capitais políticas depredadoras e inxustas. 

Tanto a extrema dereita francesa, con Marine Le Pen á cabeza, como a italiana da primeira ministra Giorgia Meloni, trataron –na reunión que mantiveron en Madrid o pasado 19 de maio– de achegarse á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, con resultado positivo. 

O propósito é lograr una unión das extremas dereitas menos agresiva formalmente. Vox xa está aliñado con Le Pen e Meloni. O Partido Popular aproxímase a esta alianza aceptando Meloni como nova socia. Esta fronte ten obxectivos comúns. Un deles, sosteñen, é rematar coa inmigración por ser un perigo para as identidades nacionais. Identifican nacionalismo identitario con racismo e xenofobia. E aquí, o primeiro que hai que esclarecer é que hai nacionalismos reaccionarios, racistas, nazis, imperialistas, opostos á diversidade e nacionalismos liberadores, antiimperialistas. Nacionalismos liberadores son aqueles que sosteñen e alimentan as clases populares e defenden os seus intereses.

Nas nacións sen Estado, como é o caso da Galiza, que sofren una espoliación colonial, a loita de clases está integrada nesta explotación, de tal maneira que a loita nacional non pode darse sen que a maioría social traballadora, autoorganizada no país, non sexa o motor desa liberación.
É esta quen vai erixindo institucións propias e acaídas coa identidade nacional. Organizacións que constrúen as bases para a emancipación do pobo. Isto, na práctica, é autodeterminarse.

Mais, Bautista Álvarez afirma: "Non sacrifiquemos o posíbel no presente ao desexábel no futuro", con consciencia de que "a alienación institucional, pondo os medios como obxectivos e os obxectivos ao servizo dos medios non contribúe á liberación nacional".

Comentarios