Opinión

Que Europa desexamos?

Dicía no artigo anterior que non hai que perder a capacidade de asombro, é dicir, a capacidade de ser sorprendido polo desvalemento de realidades.

A utilización folklorista e vulgar dunha romaría galega no Pino como mostra do poderío do PP na Galiza, mesturando polbo, empanadas, amnistía, corrupción e a política personalista e antidemocrática de Sánchez, obtivo da señora Von der Leyer, a cambio, un caramelo se gaña "a promesa de separar as comisarías europeas de Pesca e Medio Ambente".

O pano de fondo do Partido Popular é o seu españolismo insultante coa exhibición obscena diante da candidata á Presidencia da Comisión Europea do seu poderío dende a tipicidade galega. O PP agora é europeísta. Mais dunha Europa das dereitas defensoras de políticas económicas e sociais antidemocráticas, militaristas e mercantilistas. Unha Europa que dende o 30 de xuño presidirá Hungría, con Orbán expulsado do Partido Popular Europeo (PPA) por ultraconservador. A coalición "Agora Repúblicas", na que o BNG representa a Galiza, está por unha Europa que defenda os individuos e os pobos, os seus dereitos sociais e a sua diversidade.
O dereito comunitario ten primacía sobre o dereito estatal das nacións integradas. Ocupa o primero lugar na xerarquía das fontes que constitúen o dereito europeo. Por esta razón é moi importante ter voz en Bruxelas, para facer valer as reivindicacións das nacións, con ou sen Estado, como Galiza. De aquí dependen moitas normas para a nosa industria, para os sectores produtivos, para as liberdades democráticas individuais e sociais.

A política esperpéntica de Núñez Feixoo non dubida en utilizar a nosa terra como unha "reserva" no finis-terrae. Dá imaxe de estar desesperado polo poder. Quere gobernar España. Dá leccións de moralidade dende un partido condenado por corrupto con cualificados representantes condenados e na cadea. O seu partido, constitucionalista, impide desde hai cinco anos a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Pacta aquí con Vox e considera que hai unha ultradereita europea, Meloni, que non é tan mala. Unha persoa que con responsabilidade en Sanidade viaxaba no iate cun narco confeso quere ser presidente de España.
Non perdamos a capacidade de asombro.

Comentarios