Opinión

Un silencio manipulador

O sábado 29 houbo unha xornada da memoria histórica: "Revivindo a Castelao", coincidindo co 40 aniversario do retorno de quen foi deputado nas Cortes da República por Pontevedra (1931-1933 e 1936-1939), presidente do Consello de Galiza (1944-1950), ministro do Goberno republicano no exilio (París). Exiliado en Francia, México, Uruguai e Arxentina, foi enterrado polos herdeiros dos que o exiliaron no Panteón de Galegos Ilustres. Esquecido. Nesta xornada fíxose, de novo, evidente o silencio e ocultación sistemática do artista, literato, investigador e humanista, non só do político. Hai que destacar o papel dos medios de comunicación o día do retorno. O día 29, na sesión da tarde, sobre "dignidade e información", estiveron as e os xornalistas daquel día, Tareixa Navaza, valente narradora con textos de Novoneyra e do propio Castelao, mentres a policía mallaba nos nacionalistas convocados polo BNG; Afonso Eiré, o director-xornalista de A Nosa Terra e o fotoxornalista Xan Carballa, quen co seu testemuño gráfico deixou unha mostra moi significativa e imborrábel daquel día. 

Os medios de comunicación teñen unha función básica e fundamental na estruturación da sociedade. Chámaselles o "cuarto poder". Mirando a actuación non só na Galiza, senón a nivel estatal, comprobamos como modelan a conduta das sociedades. 

Na Galiza o PP ten subvencionados todos os xornais e a CRTVG, salvo Nós Diario. Da xornada sobre Castelao non houbo nin información.
Mais, o día 30, hai un feito que debería ter interese informativo. Unhas 30.000 persoas arrodearon a Xunta de Galiza como protesta e denuncia contra a instalación da macrocelulosa portuguesa Altri e reapertura da mina de Touro, pechada pola Xunta por contaminación. A instalación no corazón verde da Galiza, na Ulloa, terá consecuencias negativas para a economía de miles de persoas, para o río Ulla, para as augas e a atmosfera de once concellos. Para o mar da ría de Arousa e a súa riqueza pesqueira e marisqueira, co incremento da eucaliptización da nosa terra. A manifestación non mereceu atención dos xornais nin da CRTVG. É mais, un xornal como o Diario de Pontevedra, voceiro do PP e Ence, non deu a noticia. Mesmamente, a CRTVG deu unha breve nota da multitudinaria protesta e seguidamente anunciou que proximamente Altri abre "unha oficina para que se apunte quen queira traballar na fábrica".

Un esperpento mostra da vontade do PP. 

Comentarios