Opinión

Milei e Abascal

Chegou Milei a España e fíxose acompañar de Abascal. Dixo barbaridades, criticou o socialismo e defendeu o seu ultraliberalismo. Riu na cara das familias que teñen mortos pola Covid-19 e pasouno en grande na capital do antigo Imperio Español, onde Arxentina era unha colonia máis. Di Milei que é libertario. Que llo pregunten a Durruti e aos outros libertarios da CNT-FAI.

Milei confunde o ser libertario co ser ultraliberal no plano económico. Escolle coma aliado no Estado español a Abascal, outro libertario aínda que non da CNT-FAI, que a eses habería que matalos segundo os seus pensamentos.

Chegou a un país gobernado por socialistas europeos e puxo a parir o socialismo. Di deles que son a orixe de todas as desgrazas económicas.

Estase a organizar no mundo unha Internacional fascista e ultraliberal no económico? Para que quere gobernar un señor que o que desexa é que sexan os bancos e as multinacionais as que se ocupen de gobernar o país?

Se as ideas destes ultradereitistas no económico triunfasen en toda América Latina e en Europa perderiamos todas as aportacións que fixo o marxismo á loita política mundial.

Milei quere que só teñan medicamentos e atención sanitaria os que poidan pagalos, que só se salven da Covid e doutras enfermidades os que teñan cartos para pagar unha asistencia sanitaria. Quere que sexa o sector privado o que goberne o país.

Milei e Abascal representan o mesmo, un desde Arxentina e o outro desde a capital do Estado.

Por sorte nas nacionalidades históricas do Estado español (Catalunya, Euskal Herria e Galiza) aínda non entrou nos seus gobernos a ultradereita de Vox. A soberanía das nacións históricas do Estado están a ser un valado de contención contra o fascismo de Vox.

Comentarios