Opinión

Novo xefe da Policía española na Galiza

Pedro Blanco foi nomeado Delegado do Goberno español na Galiza o martes 13 de xuño. Denantes de ocupar este cargo tivo outros, o máis recente foi o de asesor xurídico da UXT.

Este caso de que un sindicalista da UGT pase a ser xefe político da Policía española non é novo. Xa tivemos a un electricista, sindicalista de UGT de ministro do Interior español. Foi o caso de José Luis Corcuera, que co tempo dimitiu ao non ser aceptada a súa lei coñecida como “A patada na porta”. Felipe González avisara a Corcuera de que se quería marchar do Goberno español o fixese sen facer ruído. Non foi así e hoxe Corcuera é, xunto con Rodríguez Ibarra e outros, un dos membros máis españolistas do PSOE.

De novo se da o caso dun sindicalista como xefe político da policía, desta vez na Galiza. Isto de pasar dun sindicato, probablemente o máis grande a nivel do estado, a xefe político da Policía a min non me soa demasiado ben. Aínda que son consciente de que nun Estado é necesario ter unha policía eu aposto porque esta sexa galega coma a Ertzaintza ou os Mossos d'Esquadra.

Hai tempo conversando con Camilo Nogueira, mentres lle facía unha entrevista para o meu libro “Palabra de Patriotas”, comentoume que el apostaba por unha policía galega dependente da Xunta de Galiza con responsabilidades de todo tipo, xudicial, de tráfico etc ao igual que a Ertzaintza ou os Mossos d'Esquadra.

Na Galiza a Policía galega é practicamente inexistente, unha, porque non é autónoma e outra, porque conta cun número escaso de membros, tan só cincocentos, cando os Mozos de Esquadra son dezasete mil.

Isto foi cousa de Manuel Fraga que no seu momento dixo que el non precisaba dunha policía como a de Catalunya ou Euskadi que lle chegaba coa Garda Civil e coa Policía Nacional.

É moi importante a democratización da policía e a dos xuíces. Non pode existir unha verdadeira democracia sen un poder xudicial, unha policía e un exército demócrata.

Comentarios