Opinión

Podería ter sido peor

O resultado das eleccións do pasado 23 de xullo repártense en dous bloques, o da dereita co PP e Vox e o da esquerda cos demais partidos. Os escanos do bloque da esquerda son: PSOE 121, Sumar 31, Bildu 6, PNV 5, BNG 1, Esquerra 7 e Junts 7, con estes datos a suma de escanos dos partidos da esquerda sería de 178 contando co apoio de Junts per Catalunya. Visto así poderíase conformar un Goberno progresista no Estado español.

Agora toca a rolda do rei Felipe VI, que ten que consultar os diferentes partidos e posteriormente verase se se consigue un goberno de esquerdas en coalición ou se teñen que repetir as eleccións.

O perigo do aumento de Vox parece que, de momento, queda relegado ao pasar este partido de 50 escanos na anterior lexislatura a 33 nestas eleccións. Estamos nun momento complicado para defender e conservar os dereitos dos máis necesitados. Vox é un perigo porque aspira a instaurar o Facio no Estado español. Sabemos das súas propostas en todo o que se refire aos dereitos de igualdade da muller, a violencia de xénero, a restrición da liberdade de expresión, os servizos públicos, a xustiza social…

De chegar a gobernar o bloque das esquerdas teremos que estar atentos a que se consoliden os dereitos adquiridos. Entre eles a suba das pensións segundo o IPC,  que non teñamos que voltar a aquela ridícula suba do Goberno Rajoy dun 0,25%, cando eran superiores as cantidades de  cartos invertidas en propaganda (cartas, sobres, selos e tinta) que chegaba ás casas para comunicar o incremento que a propia suba da pensión. Outro dos compromisos que debe de adquirir un goberno de esquerdas é o dos coidados a maiores e enfermos en residencias públicas e privadas, servizos de axuda no fogar, axudas de carácter social, acondicionamento de espazos públicos e privados, apoio as familias…

Pensemos que se o Facio chegase a triunfar todos estes servizos públicos serían derrogados, con todo o que isto implicaría.

O PP xa se lamenta de non ter concorrido con Vox ás eleccións, pois segundo di Tellado así poderían ter conseguido unha maioría absoluta como a de Rajoy no 2011. Triste noticia que as clases populares voten estes partidos, pois son as que máis precisan dun Estado do benestar forte.

Seguiremos loitando pola liberdade de expresión, de creación e de un estado de benestar que poida crear servizos sociais para todos na Galiza e en todo o mundo.

Espero non ter que rectificar este artigo o próximo luns porque querería dicir que non vai ser posible un goberno de esquerdas.

Comentarios