Opinión

XVI Congreso da UPG

Asistín como convidado ao acto de clausura do Congreso da UPG, que se celebrou o 7 de xullo no Auditorio do Edificio Fontán da Cidadade da Cultura en Compostela. Iniciouse o acto presentando aos membros do Comité Central que non formaban parte do Secretariado e seguidamente aos membros do Secretariado. O Comité Central está formado por oitenta camaradas.

Unha vez presentado o Comité Central pasouse á lectura de todas as organizacións mundiais que enviaron saúdos á UPG. As máis aplaudidas foron a palestina e a cubana.

O BNG estivo representado pola sua portavoz nacional Ana Pontón que mostrou o seu agradecemento a todas as persoas que en tempos difíciles defenderon a Galiza e a súa bandeira. "Estamos aquí por eles", dixo, recoñecendo aos históricos da UPG. Recordou a Bautista Álvarez como fundador da UPG.

No seu discurso dixo que só dúas organizacións nacionalistas, das moitas que se crearon, permanecen. A UPG, creada en 1964, e o BNG, dende 1982. Outro dos temas tratados por Ana Pontón foi a necesidade de ampliar as bases do BNG e ser quen de inserirse no pobo galego. Ao rematar o seu discurso dirixeuse a Paco Rodríguez e deulle un bico.

Pechou o acto o elixido secretario xeral do Partido, Néstor Rego, que tratou temas como que a UPG é un partido nacionalista e antiimperialista fundado un 25 de xullo de 1964. Recordou a Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista, ao finado fundador do partido Bautista Álvarez e a Saleta Goy, viúva de Manuel María, o poeta da Terra Chá.

Rego falou de impulsar un sindicalismo nacionalista e de clase como defende a CIG. Afirmou: "Somos un partido comunista e patriótico que leva anos loitando pola independencia". Tamén fixo unha referencia á UMG (Unión da Mocidade Galega) pola súa militancia por unha República Galega.

Di Néstor Rego: “O movemento nacionalista está hoxe no seu mellor momento político”.

Comentarios