Opinión

Canta terra precisa un ser humano? Seis pés para enterralo

Pajom era un labrego satisfeito coa vida. En termos xerais. Pois verdadeiramente sempre acababa por volver á idea de ampliar as súas lindes. Pensaba que a terra lle podía dar unha independencia tal que xa non tería que volver a cavilar en poderosos, circunstancias, nin adversidades. A súa tranquilidade sería plena.

Un día atopouse con un comerciante que volvía da Estepa e ao preguntarlle Pajom pola vida na rexión, o home contestoulle: "Hai tanta terra que non poderías percorrela nin en un ano. Toda pertence aos bashkirios e sonche inocentes coma cordeiros. Alí un pode conseguir terra case de balde".

Sen dubidalo, Pajom viaxou á Gran Estepa con abundantes agasallos. En compensación, o xefe dos baskirio ofreceulle ao visitante un trato moi favorábel. Toda a terra que conseguira percorrer nunha xornada sería súa por mil rublos. "Recorda unicamente volver ao punto de partida (точка) antes de pórse o sol".

Ao día seguinte, Pajom comezou a andar dende o lugar sinalado e todo lle chamaba a atención. Pasaban as horas e el ficaba canso, mais pensaba: "Aguanta e vivirás coma un potentado". Cando xa lle parecía que empezaba a ter bastante, reparou en que avanzara a tarde e el estaba lonxe. Ansioso, deu media volta.

Facíase de noite pero por sorte viu que na точка aínda coruscaba unha raiola e, co último alento, botou a correr. Cando chegou, caeu deitado. O xefe dos baskirio, tratando de levantalo, ordenou facer un furoco algo grande, dicindo: "Que vaia cómodo no último tramo!". Abondaron seis pés para enterralo.

Este domingo votamos. Elección tras elección, e xa levamos un bo inventario, quen nos goberna vai buscar os temas á meseta. Percorre a pel do touro para congraciarse con outros e abordar os seus problemas. Lía neste xornal estes días que "Galiza probabelmente terá que ir tamén por ese camiño", en alusión a que a Xunta abre a porta a presentar un recurso no Constitucional contra a lei de amnistía. 

Lembro que nas eleccións ao Parlamento andaba a cousa a voltas con Bildu. E fíxome gracia porque os vascos pasaron de nós. Resulta que lle votaron a Bildu independentemente do 'sentido de Estado demostrado polos galegos' o 18 de febreiro.

Pajom, o protagonista desta parábola rusa escrita por León Tolstói en 1886, ademais de deixar as súas terras abandonadas quería abarcar máis do que podía atender. Así é que me pregunto: cando decidiremos os galegos e galegas en base aos problemas propios? Cando pensaremos nas nosas cotas, nos nosos montes de braña, na Internet para as aldeas, na enerxía que producimos e nos traballos que non xeramos. Nunha terra que se maltrata, nas vivendas que non se constrúen, nas familias que non se crean e nos maiores sen residencia. Na atención primaria que non chega ou nas escolas que se pechan.
A ver logo se non temos en que pensar sen andar teimando co de fóra.

Comentarios