Opinión

Os nomes levan desexos dentro

Non creo que se estuden algunhas cousas que me causan fascinio, maiormente as ansias secretas da especie humana, e ben que o sinto. Os desexos inexpresados por debaixo das cousas que dicimos, o que explica verdadeiramente os nosos actos. As nosas verdadeiras inconfesadas verdades.

Leo ao pasar “El chiringuito de Nuri”, onde antes era a taberna de Landeira. Entro en “La peluquería de Salo” ou en “La tienda de Ele”. Os negocios que montaron a Nuria, a Salomé e a Elena. Sempre gardo o preguntar os motivos para os nomes dos negocios e as modas (fixo alguén unha tese ou hai alguén a facela? Non é asunto de interese, non é importante abondo? Pode ser. Manías miñas), mais non teño motivo algún para facelo e, ademais, non é logo unha intromisión violenta no mundo íntimo desas persoas? Tampouco querería eu que me interrogasen, obrigasen a espirme, a revelar as miñas ansias e desexos.

Tampouco querería eu que me interrogasen, obrigasen a espirme, a revelar as miñas ansias e desexos

Todos desexamos mellorar, tamén ofrecer aos demais a nosa mellor imaxe. E a nosa mellor imaxe son aquilo que desexamos ser. E así as nais de Nuria, Salomé e mais Elena, que probabelmente se chamen María Asunción ou María Concepción, quixeron un nome menos gravoso para as súas fillas, e liberáronse sen dicilo en voz alta do peso dunha cultura afogante e dos nomes que impuñan os curas nacional católicos, e procuraron nas telenovelas os nomes das protagonistas de vidas resplandecentes. E as fillas aínda quixeron darlle unha volta de porca e déronlle brillo ao nome con abreviaturas suxerentes. A min particularmente parecíanme lindos abondos os seus nomes sen retoque nin recorte, mais e que ten de malo se a elas lles reina así? Fixeron ben.

Xa ninguén se chama Pepe ou Paco tampouco, deron en Jose ou Fran. E que hai de malo? Fixeron ben, o desexo é libre.

Únicamente que nun país non colonizado lingüística e culturalmente os nomes serían na lingua do país, mais iso non é culpa de ninguén. Todos e todas xogamos coas cartas que nos dan, os naipes non son nosos e facemos o que podemos.

Comentarios