Opinión

Pequenas e medianas empresas

Un recente estudo do Banco Mundial afirma que Galicia é dos países onde máis difícil é crear unha empresa

Un recente estudo do Banco Mundial afirma que Galicia é dos países onde máis difícil é crear unha empresa, ocupando un dos últimos lugares en comparanza con outros territorios do Estado. Cun 17% de paro, unha demografía adversa e unha baixa taxa de ocupación, Galicia, dende o rigoroso respecto á legalidade laboral, fiscal, financeira e ambiental, habería ser o país europeo onde máis doado fose crear unha empresa, substituíndo unha actuaciòn administrativa  burocratizante e reactiva por unha actitude de traballo proactiva e colaborativa co mundo do emprendemento.

Malia que sexan cada vez máis as pemes que enfrontan o repto da internacionalizaciòn, Galicia non é allea á tendencia de toda Europa que vencella moitas destas unidades empresariais á súa contorna xeográfica e fainas moi dependentes da saúde relativa da súa proximidade xeográfica. As pemes galegas están moito máis preocupadas con facturar a xeito, para crear e consolidar emprego ca polas condicións máis ou menos avantaxosas da destrución dese emprego. Velaí as diferenzas evidentes entre a grande empresa que monopoliza a representatividade da CEG e os autònomos e pemes, moito mellor representados por organizaciòns empresariais propias, así como polas territoriais e sectoriais. Vai sendo urxente, xa que logo, a estruturaciòn dunha interempresarial representativa das pemes galegas e o desvencellamento destas a respecto dunha CEG que, alén do seu desprestixio, non mira a xeito`polos seus intereses.

Vai sendo urxente, xa que logo, a estruturaciòn dunha interempresarial representativa das pemes galegas

Dentro do mundo das pemes é notábel a sostibilidade demostrada pola actividade e emprego creado polo mundo da economía social (cooperativas e sociedades laborais), que confronta cun discurso dominante (até de agora) de relativo desprezo por estas fórmulas. Fórmulas que conforman mentalidades de mutua cooperación e que demostrarán a sùa capacidade de xeraciòn de valor a pouco que as Administracións, nomeadamente a Xunta e os concellos, acompañen a súa andaina.

Os países cunha rede saneada máis tépeda e saneada de pemes son os que manteñen un ecosistema empresarial produtivo e sostíbel, unha sociedade inclusiva e unha boa calidade de vida. Velaí o exemplo de Euskadi, sen irmos máis lonxe.

Comentarios