Opinión

Amílcar Cabral: ideoloxía, nacionalismo e cultura (II)

Para Amílcar Cabral o nacionalismo revolucionario era o indispensábel motor de cambio que tiña a potestade de normalizar varias expresións verificadas na solidariedade internacionalista do proletariado e campesiñado. Neste contexto, para Cabral, o nacionalismo era a maior expresión da loita de clases para manter o seu protagonismo como forza e garantía das liberdades nacionais e para reforzar a loita internacionalista fronte a dominación imperialista. Sobre todo naqueles países africanos en vías de liberación nacional, no que o proxecto nacionalista representaba o impulso das liberdades nacionais, a loita de clases e o protagonismo dialéctico de varias problemáticas espalladas polo sistema colonialista.

Para Amílcar Cabral, era irrenunciábel o principio de autodeterminación e como particularidade definidora de permitir a posibilidade para que os movementos nacionalistas verifiquen e comprendan que o nacionalismo é a expresión fundamental de innovadas estruturas que posibilitan desenvolver e avanzar o proceso dos movementos de liberación nacional, potenciando obxectivos de cambio social, político e cultural, como   fundamento prioritario de emancipación de clase para dirixir a independencia nacional e verificando cada posibilidade no proxecto nacionalista, capaz de superar antagonismos e contradicións de clase.

Para Amílcar Cabral, a conciencia nacional e de clase teñen que ser explicadas, nos países colonizados, desde unha análise sociolóxica máis que ideolóxica, para desartellar ese “nacionalismo” burgués e as súas bases de acción amparadas na ideoloxía colonial imperialista; postulando por un “nacionalismo” amparado naquela mimese africanista, capaz de preservar os intereses occidentais. Neste caso, Cabral, postulou por un nacionalismo de clase que non que non entrase en contradición cos principios revolucionarios e apoiándose na conciencia e acción nacional popular, para cumprir o rol revolucionario na loita de liberación nacional.

Conciencia nacional e acción revolucionaria, dan a sensación de estar suxeitas ás directrices do partido único. Neste caso, Amílcar Cabral invocou, constantemente, a conciencia nacional para que a loita de clases tivera unha transcendencia nos procesos de cambio que se produciron a nivel mundial, combatendo ao sistema capitalista que imperou no continente africano, como o sistema de explotación dunha clase por outra. Nesta sucesión transversal de confrontación de clases, calquera que sexa a mobilidade da loita nacional debe ser relevante a metodoloxía nacionalista con respecto á teorización cabralista.

Neste proceso histórico, teorizado por Amílcar Cabral, hai unha interrelación con Marx, Engels e Lenin na análise de diversos eventos revolucionarios que se produciron en diversos estadios revolucionarios. Mais, no contexto africano, Cabral foi sumamente coidadoso co pensamento de N’Krumah, Fanon e Lumumba, e soubo reflexionar aplicando o seu pensamento a cada un destes procesos de liberación nacional e, sobre todo, ser respectuoso coas interpretacións destes líderes, aínda sen sentir unha incondicional atracción por cada un dos modelos defensivos que en cada país africano se defenderon. Nesta dirección, Cabral intentou aprender máis das certezas que dos erros que asistiron a algúns dos dirixentes africanos do nacionalismo de liberación nacional.

Neste campo, son moitas as definicións con que Amílcar Cabral verificou a situación colonial e post-colonial e, tamén, os sistemas de dominación colonial empregando, non de forma restrinxida, a dialéctica marxista e poñendo en práctica aqueles instrumentos que lle permitiran verificar a capacidade, tanto individual como de grupo, dando respostas de interese social e, con elo, contar cun mínimo de posibilidades para desenrolar a práctica revolucionaria.