Opinión

António Jacinto, poeta de revolta

Concretamente no día de hoxe (23 de xuño de 1991) falecía en Luanda António Jacinto, un dos grandes poetas comprometidos coa guerrilla de liberación de Angola, guerrilleiro do MPLA, xunto co pai da patria angolana, o presidente Agostinho Neto. Máis de dez anos no campo de concentración salazarista do Tarrafal (Cabo Verde), xuntamente co escritor Luandino Vieira e outros independentistas angolanos.

No presente ano celebramos o centenario de António Jacinto (Luanda 1924-1991). Fillo de colonos portugueses, facendeiros nos campos de café do Planalto angolano. Ático poeta da “Geração de Mensagem” e pilar da mesma, xuntamente con Agostinho Neto, Viriato da Cruz e Alda Lara, que abriron escola poética en expansión dos que conseguiron “Descubrir Angola”. Jacinto foi unha desas amplísimas personalidades que combinou a literatura coa loita armada do MPLA (Movimento Popular de Libertação de Angola), como guerrilleiro. No oficio de poeta de revolta foi artífice dunha poesía un tanto especial, sendo de cor branca conseguiu introducir unha serie de termos e palabras do vocabulario quimbundo no portugués da súa poética. Unha especial acción que moitos lectores seus o consideraban negro, por esta acción e xesto cara a rescatar esa lingua orixinal de Angola no idioma portugués da súa poesía.

Contoume António Jacinto un primicia moi interesante da súa vida infantil, que recollo no meu libro, “Jacinto: A luta do poeta-guerrilleiro contra a alienação” (1995), de que a súa mai foi a súa primeira mestra e comezou a ler os versos de António Nobre e de Guerra Junqueiro, entre outros. Naquelas longas conversas que tivemos os dous, explicoume Jacinto que o seu carácter contestatario evolucionou cara o revolucionario, nese ambiente familiar había diversos cadros pendurados nas paredes, mais atraíalle un en particular, que polo seu enigmático drama, testemuñaba os fusilamentos napoleónicos de 1808 en Madrid, era unha reprodución do famoso cadro de Goya. A súa mai explicoulle con detalle a invasión francesa de España e Portugal, e aquela dramática liturxia de guerra entre unha nación invasora e outra invadida; ligou a semellanza entre o Portugal invasor e o pobo de Angola invadido. Nestas visibilidades opresivas, sentiuse envolvido nun universo que demandaba liberación, pola ocupación de Angola. Así, sucesivamente, asumiu escribir; como el dicía: “Uma coisa é escrever por ofício e outra por obrigação: uma forma fácil de combater sempre, escrever sempre”. Unha grata opinión da súa memoria de infancia e mocidade, da casa familiar do Golungo Alto.

Na miña primeira estadía en Angola, evidenciei o amor e o respecto que sentía o pobo angolano António Jacinto, polas enormes achegas como intelectual e puntual en todos os labirintos da contra opresión en Angola, como guerrilleiro, ideólogo nacionalista, activista africano e ministro de Cultura de Angola e andar sempre nos espazos de resolver a pobreza do pobo.  

Comentarios