Opinión

Conmemorar a palabra de Antón Tovar

A comunidade literaria do noso país, concretamente a da longa e ancha comarca da Limia, da que era nativo Antón Tovar, vén reivindicando o Día das Letras Galegas para o seu honorífico veciño e poeta. O escritor que ateigou solidariedade e emancipación para as liberdades de Galiza e súas clases máis desfavorecidas, entre outros atributos defensivos da nosa lingua e cultura, como el manifestou nestes sublimes versos que dimensionan  as benquerenzas de Tovar na súa predisposición do herdo e pertenza: “Teño anceios dunha terra / que esté espida de lindeiros”. Versos nada residuais para verificar e conmemorar a palabra certa dun poeta íntegro e virado cara as diversas problemáticas que o noso poeta sempre tivo adherencias de combater eses lindeiros que con tanta dignidade desvela a poesía de Antón Tovar.

Moitos teñen a impresión que Tovar é relegado, ou simplemente silenciado, polos ínclitos e preclaros académicos da realísima Academia, salvando excepcións da mesma que teñen manifestado apoio á homenaxe de Antón Tovar co Día das Letras Galegas dedicada ao merecido escritor de Rairiz de Veiga. Desde aquel triste período necrolóxico do pasamento de ilustres escritoras e escritores de Galiza, como Xela Arias (novembro de 2003), Luísa Villalta (marzo de 2004); neste mesmo ano falecen Antón Tovar e Manuel María, en xuño e setembro, respectivamente. Todos eles foron homenaxeados co Día das Letras Galegas, a excepción de Antón Tovar Bobillo.

Este poeta limiés, de grata contundencia en espallar as dimensións da palabra coa que teceu tanta emoción e sabedoría, do que somos no noso, en toda esa transversalidade que nos coloca na obra total de Tovar que, explicitamente, o seu relato literario respira neses tránsitos cotiáns da década dos corenta do século pasado, onde se inicia na Orde xesuítica, creándolle traumas e contradicións que atopa naqueles respiros inmobilistas e, máis tarde, na administración pública de Facenda, onde é vítima dun pérfido felón que o obriga a dimitir do seu traballo. Todo ese peso das sombras ditatoriais que soportou Antón Tovar levárono a unha intensa dor existencial que modificou o seu carácter. Unha profunda tristeza e abatemento que marcou a súa obra literaria, con tantas adhesións de humanismo e liberdade. Que nos lembra aquela dor que manifesta a poesía de Fiz Vergara Vilariño, tan atormentado polas súas doenzas. Outro dos nosos poetas necesarios, proposto para a homenaxe do Día das Letras Galegas, que ficou esquecido para o coro das señoras académicas e señores académicos da Real casa coruñesa da rúa Tabernas 11, que mediten no valor da palabra escrita cumprida de Antón e de Fiz.

Na obra de Tovar asistimos a toda esa prioridade esencial de matices identitarios que comezan no seu propio lar, inicio de recoñecerse parte da nosa nacionalidade como matiza no poema: “A vella casa”, distintivo para lembrar o noso primeiro espazo matricial, ampliado a tódolos ecos e respiros da nosa nación literario. Xa preto de elixir, neste mes de xuño, ao homenaxeado das letras galegas 2025, agardamos que Antón Tovar non sexa esquecido, dunha maneira rotunda e arbitraria como aconteceu no caso de Ricardo Carbalho Calero, trinta escandalosos anos de espera para ter recoñecida homenaxe en 2020. Non é bó que os doutos académicos tropecen na mesma pedra. Pode ser novamente  o caso de Antón Tovar Bobillo?  

Comentarios