Opinión

Luísa Villalta

Lembro ben aquel destello de luz que entrou pola miña fiestra, que desde ela asexaba o plácido Mediterráneo, naqueles primeiros días de marzo de 2004. Entrei en internet e os ollos danzaron en lampos de loito a dixerir a noticia do pasamento de Luísa Villalta. As desgrazas sempre veñen a par desapiadadas. Aínda aquel dous de novembro de 2003 o pasamento súbito de Xela Arias deixaba frío a moitos corazóns e de lutuosa á nosa poesía. Estas lamentábeis noticias son contundente e sádicas, falaban da morte en contubernio que apagaba a vida de Xela e de Luísa. Nestas emerxencias un rebusca na memoria tantas imaxes e ideas que ela nos deixou e moi poucas delas ficarán no esquecemento. A persoa e a obra, conxuntadas, din moito desta escritora para perdurar no que repercute ao talento humano e a constancia de Luísa Villalta, tan personificada en todo o que esclarece a súa obra que nos deixou unha das grandes e esclarecidas escritoras contemporáneas de Galiza. Unha poeta que despregou saberes e contundencias naqueles primeiros anos que inaugurábamos o século XXI e ela consolidaba presencias de actualidade. Unha poesía equilibrada e con respiros de harmónica liberdade, en súa máis expresiva e singular  creatividade. A súa poesía é o espellismo máis esclarecido de quen a constrúe nese seu alter ego que despregou a máis nobre perfección, dignificando e naturalizando a nosa Matria.

En cada un dos contenciosos que tivo a lingua e a literatura galega, Luísa Villalta estivo sempre presente como pioneira desa ampla peonada de resistencia. Sempre desbordando solidariedade e patriotismo. Tiven a ocasión de falar en varios encontros literarios con Luísa, e sempre fun consciente de que o que quería e polo que traballaba era a de fuxir de ideas dogmáticas e personalismos que detestaba. O seu pragmatismo sempre a distinguiu nesas extraordinarias clarividencias dialécticas contidas na súa obra e en seu posicionamento ético. A última vez que nos vimos Luísa Villalta e máis eu foi en Lugo, no enterro de Uxío Novoneyra. O óbito dos amigos sempre conxelan a alma.

A poesía, a narrativa, o ensaio a dramaturxia e as composicións musicais son evocadoras e emancipadoras na creatividade desta escritora coruñesa. A loita pola dignidade da muller e pola de Galiza enaltecen a súa memoria reiterada, que celebramos neste ano no Día das Letras Galegas dedicadas a Luísa Villalta, que coincide co vinte aniversario do seu pasamento. Unha distinguida homenaxe que nos achega a ese memorando fulxente que Luísa nos depara. Sempre adiviñaremos onde está ela coa súa radiante e xenerosa personalidade humana. Sempre a atoparemos nos lúcidos abrentes de Galiza, ao lado da inmorredoira Rosalía.