Opinión

O Xesús de José Antonio Pagola (I)

Catro días antes da elección do papa Francisco (13 de marzo de 2013), o xornal El País do día 9, publicaba a seguinte noticia: “El Vaticano dictamina que el ‘Jesús’ de Pagola no contiene eregías”. Un ditame  que concluía con cinco anos de espera daquel proceso que iniciou a Conferencia Episcopal Española dirixida polo cardeal Rouco. O dito xornal sinalaba: “La decisión de Roma pone en evidencia a los encargados de vigilar en España por la recta doctrina, que no han cesado de desautorizar, en público, al teólogo vasco por dibujar un Jesús humano y siempre rodeado de mujeres”. Isto é o que tamén dicían os inquisidores da dita Conferencia. Pois, a Congregación Romana para a Doutrina da fe, a antiga inquisición romana, Veu a darlle a razón ao teólogo José António Pagola, aplicado discípulo do liberal e cardeal Martini, vicario xeneral co extravertido bispo de San Sebastián, José María Setién.

O pormenorizado libro de Pagola: “Jesús aproximación histórica”, publicado en 2007, con seis edicións vendidas nese ano. En 2008, con Rouco Varela no poder da CEE, prohíbese o libro, sendo enviado a Roma e parado na antiga Congregación inquisitorial. O ditame foi favorábel a este autor, vén a posicionar ao lector nunha investigación moi saudábel para os que teñen fe en Xesús o nazareno e para aqueles que se declaran agnósticos ou ateos. Xesús, particularmente a min, é un persoeiro que me cativa por moitas razóns inexplicábeis, sobre todo desde o lado humano e social que nos expón o Evanxeo de Lucas -meu evanxelista preferido-. Mais neste libro de Pagola, o capítulo, titulado: “Defensor de los últimos”, daqueles que non gozaban de prebendas sociais e económicas; dos afastados da vida pública e da compaixón dos poderes civís e relixiosos da época, hai un estímulo sagrado de dignidade e, tamén, de vitoria.

O imperio romano continuaba aniquilando a Palestina en tempos de Xesús, mais todas esas inquedanzas foron callando nesa articulación inicial e itinerante que en Galilea foi callando nas poboacións do lago de Genesaret, primeira captación de seus seguidores, pescadores de baixa condición social e moitos deles analfabetos. Eles coñecían ben as desproporcións inhumanas que promovía o imperio dos Tiberios, dos Herodes, dos Antipas e de toda a mortífera maquinaria imperial, tantas veces coa colaboración e apoio dos poderes dos fariseos, dos saduceos e escribas. Uns con ricos pazos e os outros onde non tiñan onde recostar a cabeza. Os graves impostos imperiais creando pobreza, mendicidade, prostitución. Nestas circunstancias de subsistencia era difícil aventurar porvires de todo tipo.

Estes factores promoven un transfundo organizativo que a prédica de Xesús foi concentrando ate resolver unha excelente revolución sen excluír a ninguén, máis ben fortalecida polos excluídos e humillados. O movemento agrándase nesa prédica de salvación solidaria entre pobres e abatidos baixo o poder das centurias romanas. Xesús consigue esa converxencia de grupos silenciosos como eran os esenios, os zelotes e moitos outros de composición ultra e acérrima contra ese estado de exclusión. Digamos que Xesús de Nazaret, foi un persoeiro con reclamos bíblicos, coñecía ben as escrituras, que os poderes relixiosos por veces esquecían e por outras aferrábanse a unha tradición despótica e farisaica esquecendo os preceptos mosaicos.

Nesa ampliada asemblea de discípulos e apóstolos vemos varias tendencia que asumían a prédica do nazareno, como os esenios bastante concentrados nos preceptos de Xesús, e aglutinando a moitos membros que foron históricos do cristiáns, como moitos investigadores apuntan ao evanxelista San Marcos que procedía dun grupo esenio. Os zelotes tiñan representación distinguida no apóstolo Simón o zelote. E tantos outros discípulos procedente do amplo grupo de Xoán o Bautista. Todos estes grupos hostís ao imperio e a colaboración dos poderes relixiosos como o Sanedrín e con tanta hostilidade e provocación cara a Xesús, amigo de pecadores e amparo dos simples que foi captando a simpatía de toda esta clase social. Como di Pagola: “Nunca había ocurrido algo parecido en la historia de Israel. Ningún profeta se había acercado a ellos con esa actitud de respecto, amistad y simpatía”. E engade: “Los pecadores son sus compañeros de mesa, los publicanos y prostitutas gozan de su amistad. Es dificil encontrar algo parecido en alguien considerado por todos como un hombre de Dios”.

Todos estes prodixios de achegamento eran xestos de xenerosidade e amor que provocaban ás clases dominantes que eran non só indiferentes, tamén castradores da s súas dignidades. Naquel obstinado encadramento do clasismo relixioso imperante, Xesús introduce unha verdadeira revolución, contra el “código de santidad”, fronte a esta exclusión Xesús introduce un “código de compasión” que xera inclusión acollendo a persoas sen honores e exentos de respectabilidade. Unha proclama de amor compasivo, que no reino de Deus a ninguén se humilla nen se separa. Velaquí o epicentro desa dignidade comunitaria que el e os seus foron construíndo. Que non era máis que unha forte ameaza contra os sectores farisaicos e contra os poderes do colonialismo romano.         

Comentarios