Opinión

O 48%

Votaron 791 militantes de Anova, 380 a favor de ir con IU ás eleccións europeas.

Votaron 791 militantes de Anova, 380 a favor de ir con IU ás eleccións europeas. O 48%. Dito doutro xeito: a maioría da militancia de Anova non quería ir con IU (o 46,6% pronunciouse a prol da opción 2 e o 4,6 de non concorrer; 46,6+4,6: 51,2%), mais finalmente a formación liderada por Beiras será socia da de Cayo Lara con Bruxelas no horizonte (porque a consulta non obrigaba a que a opción gañadora o fose por maioría absoluta dos votos emitidos).

En realidade, o aparato de Anova prefigurou a consulta, tal e como estaban redixidas as perguntas, para que gañase a opción 2. Esta era un caixón de xastre, pois a ela podían apelar quer os que preferían unha coligación coas forzas nacionalistas de esquerda do Estado quer aqueles que devecían por iren con novas correntes políticas que se autoproclaman como rupturistas (Podemos). De facto, de ter saído avante esta vía, a militancia teríase visto abocada a un novo referendo.

Máis do 50 por cento da militancia non seguiu a consigna de Beiras, claramente tocado no seu prestixio interno após cambiar de bando no medio do río

Esa opción tería gañado indiscutibelmente o referendo de non ter mediado o posicionamento público de Beiras a prol da opción por Izquierda Unida. Destarte, o referendo tomou forma de plebiscito. As militantes e os militantes foron votar sabendo que non facelo a prol da opción 1 era tanto como desautorizar o seu líder. O movimento de Beiras obviamente cambiou o sentido de non poucos votos. Porén, máis do 50 por cento da militancia non seguiu as consignas do veterano dirixente, claramente tocado no seu prestixio interno após cambiar de bando no medio do río.

E agora?? Obxectivamente a situación de Anova é má, coa organización dividida en dúas metades que teñen na práctica o mesmo peso. É unha fenda que, aliás, atinxe non a aspectos tácticos, senón estratéxicos do proxecto. Non é posíbel defender e alargar o espazo nacional galego e, ao mesmo tempo, afondar na converxencia cunha forza política que ten o seu centro de decisión en Madrid. Ou unha cousa ou a outra. As dúas á vez son materialmente imposíbeis.

Comentarios