Opinión

Dietario de campaña: de Cañete ao debate na TVG

Noveno día. 16 de maio. 10.26 h. Despois de almorzar, escoito as declaracións machistas de Arias Cañete.

Noveno día. 16 de maio. 10.26 h

Despois de almorzar, escoito as declaracións machistas de Arias Cañete. Dixo exactamente o que pensa. O patriarcado é iso: un latifundista prepotente e españolazo.

16 de Maio. 14.05.

Un neanderthal tería reprobado imediatamente as declaracións machistas de Cañete. Feijóo, non. Feijóo non sabía nada, nen vira nada, nen escoitara nada. Feijóo compórtase así xa sabemos todos por que, porque Blanco Valdés e os seus mariachis poucas veces (ou ningunha) lle teñen feito o menor rabuñazo, aquí o Partido Columnista évos moi valente con Artur Mas, pero arrepoñerse ao presidente da Xunta está como que prohibido.

Que envexa me inspira o chefe de imprensa de Feijóo!!! Non o tes que informar de nada. Para que?. El safa dicendo que nada sabe, que todo o ignora. Non sabía ben, ben, nen onde viaxaba con Marcial Dorado, nen para que, nen quen se facía cargo dos gastos, nen de onde saía o diñeiro para se facer cargo dos gastos. Algún problema? Ningún. Os palmeros a soldo -ou a subvención pública- xa apagarán as lapas.

Se o presidente da Xunta pode dicer tranquilamente que non coñecía as declaracións de Cañete, é obvio que tamén pode dicer que Rosalía escrebeu Poemas Gallegos.

Feijóo non viu o debate íntegro, argumentou, porque nese mesmo momento el era astro, non satélite. Astro no palco sabonita. Aí asinou un dos momentos da súa carreira política: achou un inédito rosalián. Poemas Gallegos. Nen Follas nen Cantares. Poemas. A asociación de ideias dun político burgués puro e pouco dado ao adocenamento intelectual. Rosalía é poeta. E galega. Ergo escrebe Poemas. Que poemas? Poemas Gallegos.

Se o presidente da Xunta pode dicer tranquilamente que non coñecía as declaracións de Cañete, é obvio que tamén pode dicer que Rosalía escrebeu Poemas Gallegos. Está un pouco na liña do inesquecíbel Julio Iglesias cando nos quixo convencer de que a Praza do Obradoiro tiña un outro nome lexítimo: Praza do Obradero (sic). Hey!!!

Joder que tropa, que diría don Mariano mentres, con desacougo, contempla a hipótese de o FCB se facer coa Liga cun Messi que xogou andando 36 dos últimos 38 partidos disputados.

16 de maio. 22.45 h.

O debate na G2. O debate postergado pola CRTVG a horario de audiencia residual. O debate clandestino. O debate triturado por Gayoso-Luar. Que ninguén saiba que hai eleccións o 25-M. Que ninguén vaia votar ou, en todo caso, que quen vaia votar vote como española ou como español.

O PP envía a un tipo con aspecto irritado, clasista, con ar displicente. O cuñado. Di dúas palabras en galego: Boas Noites. É o cuñado do chefe. Se lle perguntamos por un libro de Rosalía, non diría nada, non articularía palabra, non sería quen nen de dicer Poemas Gallegos.

Ana Miranda falou de Galiza como nación e dos seus problemas materiais.

O PSOE ten como representante a unha vella gloria que aínda non se resigna a pór ponto final á súa carreira. Di dúas veces "os socialistas españoles", el incluído no sintagma. Españoles, non españois.  O seu galego é inequivocamente popular, como corresponde a súa orixe, mas a súa dicción e prosodia ten todos os ticks dos políticos profesionais que non falan espontaneamente, senón que recitan frases feitas. Só ten un momento de nervo, cando lle espeta á representante de AGE: "Por que os teus compañeiros de coligación facilitastes o goberno de Estremadura ao PP?". Non achou resposta.

Ana Miranda, a candidata do BNG, estivo alegre e combativa. Marca da casa. Falou de Galiza como nación e dos seus problemas materiais. Galiza é unha nación leiteira, Galiza é unha nación pesqueira. Os produtores na Galiza, na pesca e no agro, non están a receber prezos xustos. Chamou a votar o BNG como equipa da casa, un clásico da fraseoloxía nacionalista que soou oportuno tendo en conta o discurso imperante dos seus interlocutores. Deixou tamén unha frase sobre a Troika, trazida para Galiza: "A Troika en Galiza é Feijóo".

Tsipras total

Lidia Senra estivo Tsipras total, a invectiva abstracta de rigor contra a Troika, ou sexa, fixo un discurso grego-cosmopolita en Galiza. Faltoulle discurso galego concreto en Galiza. Non son un friki como para revisar o vídeo, mais aseguraría, e acho que non me equivocaría, que non pronunciou o nome de Galiza nen unha soa vez en todo o debate. Ás 23.09, si, 23.09, tomei nota, dixo "as galegas e os galegos". Media hora máis tarde, nun alarde de concreción, chegou a nomear dous topónimos da nosa nación, Lugo e Santiago. Nothing more. Até aí podo ler. "Este País" ou "Aquí" foron as fórmulas empregadas por LS para se referir a Galiza. Da cuestión nacional galega non dixo absolutamente nada.

Segunda feira coñeceremos as cifras de audiencia dun debate clandestinizado por un PP que mantén un dominio ferreño dos meios de comunicación públicos.

Comentarios