Opinión

Dietario de campaña (I)

1.-Comeza a campaña sinxelamente porque non pode ser anulada.

9 Maio. 00.00 horas

1.-Comeza a campaña sinxelamente porque non pode ser anulada. Os partidos sistémicos afróntana con preguiza displicente. O PP prefería que o 25-M fose xa. Como Mourinho, o PP abomina do passing game. O seu é o desprazamento longo de bóla, sobrevoar o campo, chegar a portería xa, e disparar. Disparan cos telexornais detrás e os miles de exemplares que compran as institucións públicas, pagamos tod@s. A diferenza de Mourinho, o PP non está interesado en que a cousa se tense. Nada, mellor ficar quietos, facer a esfinxe, ou silentes, como Paula Prado. O PSOE tampouco está para botar foguetes. Rubalcaba só aspira a unha cousa: continuar a ser Rubalcaba. Leva sendo Rubalcaba décadas, para que vai mudar agora. Talvez así poida sobreviver, tal vez así poida virar nese vicepresidente laborioso que descarregue de traballo ao lacazán Rajoy, se en Europa gobernan xuntos Merkel e o SPD, se Hollande e Sarkozy son case indistinguíbeis, por que aquí os dous R non van poder gobernar xuntos? Tacticamente a Rubalcaba víñalle ben unha vitoria, embora fose pírrica, mas um empate técnico até lle pode servir para se manter vivo. Un pouco como o Tata Martino, dispensando.

2.-"Se o BNG está, Galiza está". Palabra de orde do BNG proferida xa no limiar de campaña pola enerxética Ana Miranda. Ese é -ou pode ser, ou debe ser- o elemento diferencial da campaña. Galiza. E ese o desafío do BNG: visibilizar Galiza na campaña.

A abstención non manca a Rajoy nen a Merkel. Failles o xogo

Para os partidos españois, o asunto é a toma de Madrid. A sedicente esquerda rupturista tomaría La Zarzuela [segmentos da ultradereita española, historicamente non monárquicos, aplaudirían coas orellas] e fala de queimar a Troika, Tsipras coa tocha na man, mais a ruptura nunca acaba de fixar os limites. Tampouco é cuestión de rachar co euro, claro, iso non.

Ou sexa, que se a campaña que vamos viver en Galiza durante 15 días non vai ser a mesma que se viva en Cáceres, Murcia ou Sevilla iso se debe a que nesta nación existe algo chamado nacionalismo galego. A emanación dun pobo. O seu reflexo.

3.-Ítem final: as posicións abstencionistas que se formulan pretensamente desde a esquerda e o independentismo -na Galiza e tamén en Catalunya- son un chisco difíceis de entender. A abstención non manca a Rajoy nen a Merkel. Failles o xogo. O sistema non vai caír por deslexitimación. O sistema vai caír por mobilización e por participación. Nas rúas, of course. Mas nas urnas tamén (e se temos algunha tentación abandonista, pensemos en como Chávez fixo diso, do uso revolucionario das urnas, a arma para derrotar o imperialismo).

Comentarios